Partido Popular de Lugo

José María Fernández insta á socialista Mayra García a reconsiderar a súa decisión e a permitir que o PP poida usar os locais municipais nas parroquias para reunirse cos veciños

Trabada, 31 de marzo de 2023. Na historia do PSOE hai tres correntes diferenciadas que, en certa medida, se manteñen ata o día de hoxe. Unha delas caracterízase pola súa incapacidade para o entendemento cos rivais políticos e no pasado xa fixo moito dano ao país. O sanchismo herda moito desa corrente e, no ámbito local, en Trabada, queda moi claro na actitude de alcaldesa, Mayra García, sempre buscando o enfrontamento coa oposición, co PP. O portavoz popular, José María Fernández, lamenta esta forma de esta en política da alcaldesa porque -di-prexudica aos veciños e limita o exercizo dos seus dereitos. O PP insta a Mayra García a reconsiderar a súa negativa a permitir que os populares utilicen os locais municipais nas parroquias para manter reunións cos veciños, para coñecer as súas inquedanzas, preocupacións e propostas.

O portavoz popular, José María Fernández, candidato á alcaldía, desenvolve o seu programa de reunións nas parroquias do municipio. “Como a alcaldesa, sempre buscando a confrontación con nós e cos veciños, non nos deixa usar os locais do Concello nas parroquias, temos que facelas ao aire libre”. Engade: “Onte estivemos na parroquia de Vidal e facía tanto vento que era moi incómodo estar alí e apenas podidamos oír o que diciamos; o luns pasado a reunión foi en Fórnea, e grazas á negativa da alcaldesa, os veciños pasaron moito frío”.

Fernández sinala: “Estamos moi enfadados, porque foi unha decisión moi desafortunada e con moi mala intención. Isto non pasa en ningún concello de Galicia. Este continuo buscar a confrontación tanto coa oposición como cos veciños non pode ser. Cremos que se vulnerou o meu dereito como concelleiro e haberá ocasión de que quede demostrado na vía que corresponda. Esiximos que se nos deixe usar os locais do Concello nas parroquias”.

O portavoz popular di: “A pugna política ten que ser outra cousa; o que fai a alcaldesa é unha especie de despotismo da peor especie. Querendo ir contra o PP, vai contra os veciños”.