Partido Popular de Lugo

O PP logrou que Tomé se comprometera no pleno da Deputación, diante dos bombeiros, a celebrar novas reunións para resolver os problemas laborais no Consorcio

Lugo, 28 de marzo de 2023. Un dos servizos públicos máis apreciados no territorio lucense é o dos bombeiros do Consorcio Provincial, que manteñen unha táboa reivindicativa para mellorar as súas condicións laborais. Hoxe, indirectamente, escoitouse a súa voz no pleno da Deputación, no debate da moción presentada polo grupo do PP, precisamente para dar visibilidade a estes problemas e tratar de abrir camiños para a súa solución.

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou ao final do pleno, ao que asistiron numerosos bombeiros: “No día de hoxe o grupo provincial do PP de Lugo deu voz ás peticións dos bombeiros do Consorcio Provincial. E estamos contentos, por un lado, porque o presidente da Deputación de Lugo anunciou novas reunións para intentar resolver os problemas, que era un dos obxectivos desta moción. Por outro lado, non entendemos o voto en contra da moción”.

Castiñeira explica: “O grupo provincial do PP fixo posible que  se debatera esta moción, cumpriu co seu compromiso cos bombeiros e desexamos que canto antes se solucionen estes problemas laborais nun colectivo que fai un traballo excepcional, co que todo o mundo está contento nos diferentes concellos; non queremos que a actual situación vaia a máis e poida levar a un peor servizo, o cal sería preocupante”.