Partido Popular de Lugo

O PP afea a Tomé que deixara perder as oportunidades de conseguir fondos da Xunta para ampliar prazas de Educación Infantil e agora reclame unha nova gardería

Monforte, 27 de marzo de 2023. Os populares de Monforte non entenden por que o PSOE propón un acordo plenario para instar á Xunta a poñer en marcha unha escola infantil pública, cando o propio Goberno municipal perdeu a oportunidade de solicitar investimento habilitado polo Goberno galego para reforzar o centro municipal de atención educativa infantil ou crear un novo centro. A portavoz popular, Katy Varela, indica que “a Xunta de Galicia puxo á disposicións dos concellos máis de 30 millóns de euros para que se acolleran a unha axuda para aumentar as prazas de 0-3 na escola infantil municipal ou para crear un novo centro e o Concello de Monforte non solicitou nada para unha posible ampliación da escola infantil municipal”.

Os populares pregúntanse por que, se existe esa demanda de prazas, o Concello de Monforte non fixo absolutamente nada.  A inacción do goberno local monfortino “non se entende porque por outros concellos da contorna, como o de Sober, si se solicitou a axuda e creará 20 novas prazas”. Varela engade: “Deste xeito pasará de ter un Punto de Atención á Infancia (PAI) de 20 prazas a ter unha escola infantil de 40; para conseguir isto, a Xunta outorgoulle unha subvención de preto de 215.000 €, ao abeiro da orde que Monforte non solicitou”.

Os populares preguntan tamén por que despois do peche da escola infantil de San Vicente de Paúl, e sabendo o Concello da necesidade de prazas no municipio, o goberno monfortino non optou por solicitar o financiamento da Xunta.

Fronte á inacción do goberno presidido por José Tomé, o de Sober, concello cunha poboación bastante menor que a de Monforte, fixo a xestión e vai contar cunha escola municipal do mesmo tamaño que a que ten a cidade do Cabe.

Os populares destacan que o Goberno galego destina máis de 55 millóns de euros a que máis de 31.000 familias de Galicia leven gratis aos seus fillos a unha escola infantil. Isto permite un aforro dunha media duns 2.000 de euros ao ano por fillo, e xusto nun momento no que se está a producir un incremento considerable dos custes da vida.