Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro lamenta que «o goberno local incumprira os prazos para recibir os 40.000 euros da Xunta para a mellora do campo de Lavandeiras»

Viveiro, 24 de marzo de 2023. O PP lamenta que o goberno local de Viveiro incumprira os prazos para recibir a axuda de 40.000 euros que tiña asignada por convenio coa Xunta para a mellora do campo de Lavandeiras.


Os populares explican que “o Goberno galego amosou a súa vontade de colaborar na mellora das infraestruturas deportivas do municipio”, pero “a responsabilidade de que esta achega non se teña materializado é do goberno local, que era o responsable de tramitar a adxudicación dos traballos, procedemento que finalmente quedou deserto”.


Dende o Partido Popular de Viveiro lembran que “o Concello asinou coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes un convenio o pasado 27 de outubro mediante o que a administración autonómica se comprometía a achegar 40.000 euros para mellorar as dotacións no campo de deportes municipal, mentres que o Concello debería aportar 51.782,67 euros”. Os populares recalcan que “estas dúas foron as únicas administracións involucradas neste acordo”.


A vixencia do convenio expiraba o 31 de decembro do 2022 e establecía como prazo para xustificar as obras o 23 de decembro. Os populares sinalan que “o Concello comunicou á Xunta en novembro que o procedemento de contratación quedaba deserto e que resultaba imposible executar os traballos dentro da anualidade comprometida”.


O Partido Popular de Viveiro explica que a Secretaría Xeral para o Deporte, ademais de acordos coma este para proxectos puntuais, convoca axudas dirixidas a Concellos e entidades deportivas para contribuír á construción e mellora de instalacións deportivas en todo o territorio. É por iso polo que os populares instan ao goberno local “a solicitar en tempo e forma este tipo de axudas para facer realidade a mellora do campo de Lavandeiras”.