Lugo, 24 de marzo de 2023. O Xulgado do Contencioso deu a razón ao PP e anulou o voto telemático da deputada provincial nacionalista que, no pleno de maio do ano pasado, posibilitou ao goberno da Deputación aprobar as súas iniciativas e rexeitar as do PP. O portavoz popular na institución provincial, Javier Castiñeira, considera “totalmente lamentable escoitar as escusas do equipo de goberno; non é propio do goberno dunha institución tan importante como é a Deputación de Lugo xustificar as súas trampas no pleno de maio de 2022 e facelo con mentiras”. Indica que “o que debe facer a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro (BNG), que presidía esa sesión, é dimitir, despois da sentenza que anulou o voto telemático da deputada Mónica Freire (BNG) autorizado por ela”. Destaca que eran conscientes de que constituía unha irregularidade, pero preferiron incorrer nela e gañar as votacións.
Castiñeira di que é inaudito e incualificable que se intente comparar o voto telemático de todos aqueles deputados que tiveron que recorrer a este sistema por ter síntomas de covid, cando era unha obriga quedarse na casa, co da deputada nacionalista, que no acudiu presencialmente á sesión porque tiña outra ocupación. O portavoz popular sinala: “Dicimos aos señores do goberno da Deputación de Lugo que pidan perdón ao PP e aos veciños e que fagan caso a resolución do Contencioso Administrativo de Lugo”. Engade: “Xa é a segunda vez que o Contencioso dá a razón ao PP; non é a primeira e iso sábeno ben no goberno da Deputación de Lugo, os mesmos que fixeron trampa á hora de votar e agora esas decisións están anuladas por unha resolución xudicial”. Os populares creen que a actitude do goberno presidido polo socialista José Tomé demostra “falta de calidade democrática” e deixa claro que se trata “dun goberno absolutamente sectario, tramposo e mentiroso”, no que se aprecia con claridade “moito nerviosismo” e se reflicte “o esgotamento dun goberno que non se merece unha provincia como é a de Lugo”.