Monforte, 23 de marzo de 2023. A portavoz do PP e candidata popular á alcaldía de Monforte, Katy Varela, segue desenvolvendo a súa axenda de reunións con colectivos monfortinos, para coñecer en primeira persoa os seus problemas e as súas propostas. Nesta ocasión o encontro foi con empresarios da zona de Castelo e responsables de explotacións agrarias. Celebrouse nas instalacións de Gandería Puluán e participou o vicepresidente do PP de Lugo (vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Industria e Innovación), Francisco Conde.
Katy Varela explica que, nos encontros como este, ela e o seu equipo escoitan aos veciños e representantes dos sectores produtivos, culturais e deportivos da cidade, para recoller as súas propostas e suxestións para o programa electoral, xa practicamente terminado, a falta da celebración das reunións programadas con outros colectivos.
Neste sentido, destaca a presenza de Francisco Conde nesta reunión con representantes do tecido empresarial, no que participaron empresarios da zona do Castelo e gandeiros do municipio. Francisco Conde e Katy Varela agradeceron a asistencia e sobre todo o esforzo profesional. Na reunión tamén estiveron representantes da Agrupación de Interese Económico Ribeira Sacra, colectivo de recente creación, con sede na cidade do Cabe, que pretende asesorar e cooperar con empresas e novos emprendedores.
Durante a reunión, ademais de poñer en valor o traballo do sector primario e empresarial da cidade de Monforte, destacouse a urxencia de mellorar as infraestruturas de acceso á cidade. Abordáronse asuntos como o arranxo da N-120, a execución da A-76 e a conclusión da ligazón da N-120 co Porto Seco, ademais de incrementar as conexións ferroviarias.
Pola súa banda, Francisco Conde expresou a súa disposición para apoiar desde a Xunta de Galicia a posta en marcha de novas iniciativas empresariais que se leven a cabo na cidade, como se veu facendo ata o momento.
Igualmente, no encontro púxose de relevo a importancia de desenvolver o turismo como motor económico. Neste punto, Katy Varela considera que non existe unha adecuada xestión turística por parte do Concello de Monforte.