Partido Popular de Lugo

O PP de Becerreá comprométese a axilizar os trámites para a construción do novo centro de saúde desde a alcaldía

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023. O candidato do Partido Popular á alcaldía de Becerreá, José Fernández Carrete, mantivo hoxe unha reunión de traballo co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na que se interesou polo reforzo das infraestruturas sanitarias do seu concello.

Carrete lembrou que a Xunta aprobou a finais de 2021 un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria que contemplaba entre as actuacións previstas a construción dun novo centro de saúde en Becerreá de máis de 2.000 metros cadrados e preguntou polo estado de tramitación do proxecto. O conselleiro informoulle de que esta mesma semana foi remitido ao Concello por parte da Xunta un borrador de convenio de colaboración para poder iniciar os trámites de construción do centro.

Segundo o establecido nese texto, o Concello deberá completar o proceso de cesión á Xunta da parcela adquirida a tal efecto, libre de cargas e gravames e coa cualificación de uso sanitario, así como asumir as actuacións de urbanización da contorna e aplicar ao edificio e á obra as correspondentes bonificacións nos impostos municipais sobre bens inmobles e sobre construcións.

Pola súa banda, a Xunta encargarase de contratar o proxecto e posteriormente a obra deste novo edificio que, segundo o plan funcional aprobado, permitirá que o centro de saúde de Becerreá conte con novos espazos como unha sala polivalente, unha sala de técnicas, unha consulta de docencia, un despacho de coordinación ou unha sala de estar para o persoal. Tamén a nova infraestrutura permitirá dotar dunha sala de observación con box de críticos á área correspondente ao Punto de Atención Continuada (PAC) que atende tamén aos concellos de Cervantes, Pedrafita, As Nogais e Navia de Suarna.

FUNCIONALIDADE E ACCESIBILIDADE

Carrete e Comesaña coincidiron na necesidade de superar canto antes a situación do actual edificio, de titularidade do Concello, no que as instalacións do centro de saúde comparten espazos con servizos municipais. Esta infraestrutura quedou obsoleta e impide o crecemento do centro, provocando espazos insuficientes en áreas como as consultas do PAC ou a zona de fisioterapia, así como problemas de accesibilidade dos pacientes na planta alta.

Por todo isto, Carrete felicitouse pola inclusión en 2021 deste centro como prioridade no Plan de Infraestruturas da Xunta e polos pasos dados pola administración autonómica nestes meses, que deberán completarse a través dese convenio de colaboración, anunciando que urxirá nestes meses ao goberno local a axilizar a súa tramitación e comprometéndose a impulsar os trámites municipais correspondentes a este acordo no caso de chegar á alcaldía tralas próximas eleccións.