Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada acudirá á Valedora do Pobo se a alcaldesa non permite que celebre reunións con veciños en locais municipais nas parroquias

Trabada, 21 de marzo de 2023. O PP recorrerá á Valedora do Pobo se a alcaldesa de Trabada non acepta o recurso que presentou contra a súa resolución de denegar o permiso para o uso de locais municipais nas parroquias para reunión cos veciños. Así o indica o portavoz popular, José María Fernández, que acaba de presentar o recurso contra a decisión da rexedora, que, na súa opinión, vulnera o “dereito Constitucional de participación política” e constitúe un abuso e unha demostración de falta de respecto ao dereito de participación política.

Fernández explica no recurso que as reunións para as que pedía o uso de locais municipais nas parroquias teñen por finalidade escoitar as propostas dos veciños, nun exercizo de participación cidadá ordinaria. Os populares, da resolución da alcaldesa, sacan en conclusión que “non existe ningún problema que teña que ver con outro uso municipal nesas datas, nin que interfira noutra actividade municipal que se  impedise ou dificultase con dito uso”. 

Consideran que a alcaldesa incumpre “a obriga legal de dotar de medios aos concelleiros no exercicio das funcións que nos atribúe a Lei; son medios que existen, dos que dispón o Concello de Trabada (locais sociais relacionados na solicitude) e que se atopan pechados e  sen uso municipal nas datas indicadas”.