Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno central que inicie a reconstrución do viaduto do Castro en ambos os sentidos de xeito simultáneo, co fin de restablecer o antes posible a circulación polo viaduto do Castro da A-6. Ademais, demándase que actúe con transparencia e ofreza información continua para manter ao día aos galegos, aos concellos afectados e á Xunta sobre as novidades e avances que se vaian producindo en relación aos prazos e previsión sobre a reconstrución do viaduto.
O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lamentou que “o desprezo e desatención continuada do Goberno de Pedro Sánchez ás demandas de Galicia”, centrándose na reposición do viaduto da A-6 que colapsou hai nove meses. “Vemos con preocupación que esta infraestrutura de comunicación por estrada coa Meseta, esencial para Galicia, non é prioritaria para o Goberno de España, e pesar de que arredor da metade do tráfico que entraba á nosa Comunidade autónoma facíao por esa autovía”, apuntou.
FRACASO DO DESVÍO PROVISIONAL
Ademais, manifestou que “o desvío provisional establecido polo Ministerio é a crónica dun fracaso anunciado”, ante o que lembrou que “levamos meses advertindo do risco que supón para os usuarios deste tramo, que non reúne as condicións necesarias para o intenso tráfico que soporta”. A modo de exemplo, Balseiro lembrou o accidente do camión acontecido o pasado fin de semana, que implicou o peche non só da A-6, senón tamén da estrada N-6 e dirixir o tráfico pola vella estrada nacional, que non está adaptada para asumir ese nivel de tráfico.
En terceiro lugar, José Manuel Balseiro criticou a falta de información sobre as actuacións para a reposición deste viaduto, “pese aos mandatos unánimes acadados neste Parlamento”. Así, pediu que o Ministerio “clarifique cal é o calendario que manexa para a reconstrución total da A-6 na súa entrada en Galicia, porque as previsións que coñecemos pola prensa son totalmente inverosímiles”. “Nove meses despois do colapso, o Goberno de Pedro Sánchez está tan só empezando coas demolicións e pretende facernos crer que o ano que vén vai ter reconstruídas integramente as dúas calzadas”, sinalou.
“Cómpre lembrar que o viaduto da A-6 en sentido A Coruña non se vai tramitar pola vía de urxencia, o que fai completamente imposible que o traballo estea concluído o ano que vén e conlevará un retraso inaceptable dos prazos”, explicou.
Para rematar, José Manuel Balseiro insistiu que “pedimos que se acometa a reconstrución simultánea dos dous viadutos da A-6 ao mesmo tempo e polo procedemento de emerxencia para axilizar prazos, porque en todas as infraestruturas viarias de relevancia os dous viadutos paralelos se executan ao mesmo tempo”.