Partido Popular de Lugo

O PP agradece a boa disposición da Xunta para atender as necesidades de Ribas de Sil aprobando a instalación dun caixeiro automático

Ribas de Sil, 20 de marzo de 2023. O PP de Ribas de Sil agradece “a boa disposición da Xunta para atender as necesidades do municipio e dos veciños e veciñas”. Así o manifesta o candidato popular á alcaldía, Jose Rodríguez, en relación á instalación dun caixeiro automático.

O popular explica que “tralo peche do caixeiro que tiña unha entidade bancaria en San Clodio, dende o Partido Popular xa advertiramos dos prexuízos aos veciños e aos negocios locais e dende a Xunta ofreceron a súa colaboración”. De feito, dirixíronse ao Concello por carta para informar da posibilidade de solicitar a adhesión ao acordo entre a Xunta e a Fegamp para proceder á instalación de caixeiros automáticos.

A través deste servizo os usuarios poden efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outras localidades.

Rodríguez sinala que “o goberno local non pode agardar a perder os servizos para actuar, hai que facer as xestións que sexan preciso para evitar os prexuízos aos veciños e veciñas”. O popular ten en conta as dificultades para desprazarse a outras localidades para retirar diñeiro especialmente das persoas máis maiores.

O candidato á alcaldía polo PP considera positivo o acordo entre a Xunta e a Fegamp para evitar a exclusión financeira dos veciños e veciñas dos municipios máis pequenos porque “a perda de servizos bancarios afecta tanto ao día a día dos veciños e veciñas coma ao volume de negocio dos comercios e doutros pequenos establecementos”.