Lugo, 18 de marzo de 2023. No marco do impulso político e institucional que leva a cabo o Partido Popular de Galicia para forzar ao Goberno de España a acometer canto antes, con rapidez, as obras de reconstrución dos viadutos da A-6 no Castro, os representante populares defenderán nos próximos días mocións no Parlamento de Galicia e na Deputación de Lugo para instar ao Executivo de Pedro Sánchez a resolver o problema sen máis dilacións e de maneira que se traballe ao mesmo tempo nas pontes nos dous sentidos de circulación. O Goberno central, pese á reiteración da petición por parte da Xunta, mantén a incógnita sobre o derrubamento ao non remitir a documentación sobre as inspeccións especiais realizadas, que se comprometera a facilitar.
O coordinador de Territorio e Infraestruturas do PPdeG, o lucense Antonio Ameijide, sinala: “Hai meses que está cortada a A-6 polo derrube dunha ponte e seguimos sen saber cando se vai a reabrir. Desde o minuto 0, desde o Partido Popular de Galicia esiximos saber a data exacta da reapertura desta autovía, que é a única conexión da provincia de Lugo coa Meseta, co resto de España. Desde o Goberno de Pedro Sánchez seguen sen facer absolutamente nada”.
Ameijide engade: “Tamén levamos meses dicindo desde o PP o risco que isto xera para camioneiros, para transportistas, para persoas que cada día usan a autovía A-6 e que teñen que ir por eses desvíos, cunhas intensidades de tráfico que non son adecuadas para esas estradas. Onte vimos o risco e o perigo que provoca: un camión por pouco precipítase por un noiro, por culpa desas malas condicións”. Explica: “Por iso, desde o PP, de novo e por enésima vez, esiximos a Pedro Sánchez que cumpra con Galicia e que poña unha data de reapertura, inminente, da autovía A-6”.
A defensa da iniciativa parlamentaria do PPdeG para urxir ao Goberno de España a executar sen máis demoras as obras na A-6 e facelas ao mesmo tempo nos viadutos nos dous sentidos correrá a cargo do deputado lucense José Manuel Balseiro. Destaca o feito de que o Goberno négase a fixar prazos e a necesidade de que as obras dos dous viadutos se fagan ao mesmo tempo, por emerxencia, porque senón hai risco de que o problema non quede solucionado ata o 2028, cos gravísimos prexuízos que se ocasionarían a provincia de Lugo, en concreto, e a Galicia, en xeral. No grupo provincial popular, que ten por portavoz a Javier Castiñeira, indican que “a caída da viaduto do Castro na A-6 está sendo un verdadeiro suplicio para todos os lucenses; xa o foron no seu momento as obras que o Ministerio de Transportes fixo nese viaduto, que non valeron para nada, máis que para gastar os cartos, porque non chegaron a evitar a caída desta ponte”. Lamentan a falta de explicacións convincentes do Goberno e consideran que “non están sendo boas as solucións que está a tomar o Goberno do Estado e proba diso é o último exemplo en negativo: o accidente dun camión que puido provocar maiores males”.