Partido Popular de Lugo

Felipe Labrada repite como candidato á alcaldía do Corgo avalado pola súa experiencia e a súa magnífica xestión

O Corgo, 18 de marzo de 2023. Felipe Labrada, que ven de converterse recentemente no novo presidente da agrupación popular da localidade, repite como candidato a alcaldía do Corgo polo Partido Popular avalado pola súa magnífica xestión e por unha ampla experiencia política. O acto de presentación tivo lugar no Punto de Atención á Lectura do Corgo onde o candidato estivo arroupado por membros da dirección provincial – o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal –, a deputada autonómica, Cristina Sanz, a voceira de Sanidade do Grupo Popular no Parlamento galego, varios alcaldes e voceiros próximos ao concello, así como simpatizantes e afiliados do partido.

Desde a dirección provincial amosan a súa confianza en Labrada. “Amosounos que, incluso gobernando en minoría, ten unha capacidade de xestión excepcional. So hai que ver todas as obras e avances que fixo nestes últimos catro anos para darse conta de que o seu traballo o avala”, apuntan os populares. 

No transcurso da presentación o actual rexedor do Corgo agradeceu á dirección provincial pola confianza amosada para representar unha vez máis aos veciños e veciñas da localidade e espera que nas vindeiras eleccións municipais devolver esa confianza en forma de resultados para o partido e para os veciños. “Seguiremos traballando por e para O Corgo”, engade.

Labrada, que desde o ano 1999 é tenente de alcalde do municipio, sumando así un total de 28 anos como membro da corporación local, sinala que “coñezo de primeira man o municipio e as necesidades dos veciños e veciñas así como as súas demandas”. Ademais, fixo un balance en positivo en canto a xestión municipal, marcada polo pandemia e o confinamento e “na que se tratou de estar preto dos veciños, sobre todo da xente maior”. Neste sentido, o alcaldable pretende “dar unha resposta a todos os corgueses seguindo coa mesma liña de traballo que ata agora” e sinalou que nesta última lexislatura cumpríronse as promesas feitas para mellorar o municipio.

CASTRO DE CASTRILLÓN

Neste mandato «a pesar de non ter unha maioría absoluta logramos aprobar os orzamentos e levar a cabo varias modificacións de crédito por unanimidade». Un mandato marcado pola adquisición de terreos, destacando os 18.000 metros cadrados que rodean ao Castro de Castrillón o que supuxo un indicativo para poñer en valor un dos elementos patrimoniais de maior interese á vez que se garante aos veciños o uso da Carballeira para celebración de festas. “A adquisición tamén cobra importancia por estar preto da Vía Kuning o que nos ofrece unha oportunidade de promoción do municipio”, engade Labrada.

MELLORA DOS SERVIZOS

Conxuntamente á adquisición do terreo do Castro de Castrillón, o goberno local adquiriu unha parcela preto do centro de saúde “co obxectivo de localizar nun futuro a casa consistorial para acercar os servizos aos cidadáns e atendelos en espazos máis cómodos e amplos”.  “A idea que temos é ir creando un núcleo, coa construción de novas vivendas e pisos para atraer e asentar poboación”, explica o candidato popular.

No entorno desta zona o goberno local adquiriu unha parcela de cinco hectáreas que inclúe unha nave “que estamos a utilizar como almacén de maquinaria municipal pero tamén como taller para facer actuacións de mantemento ou reparación. Ademais, fixemos a compra dun camión para acercar o punto limpo ás parroquias co fin de promover a reciclaxe”.

En relación aos servizos melloráronse notablemente. Labrada destaca “a profesionalidade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” e “o apoio da Xunta a este servizo a través de achegas coas que sufragar o incremento de horas de atención aos nosos maiores”. A este respecto, o actual rexedor apunta que “abrimos sete prazas para traballadores do SAF, pois sabemos que é importante coidar aos nosos maiores”.

Por outra banda, un dos obxectivos que se marcou o actual rexedor na pasada lexislatura foi rematar o Punto de Atención á Infancia (PAI) co obxectivo de poñelo a funcionar para o comezo do curso escolar. Unha iniciativa que cumpriron, pero que non quedou ahí: “Neste mandato puidemos cubrir 20 as prazas fixas para os menores de entre tres meses e tres anos de idade” aclara o alcaldable.

Outro dos servizos que se puxo en marcha foi a Biblioteca do Palco, situada a carón do Punto de Atención á Infancia e da casa das Asociacións, un servizo público e gratuíto inaugurado polo Concello a través do Proxecto CORGORAL en abril do 2022, poñendo a disposición do público milleiros de libros de todos os xéneros. As instalacións, que ocupan o edificio reformado da antiga escola pública, contan con diverso mobiliario e numerosos recursos materiais.