Partido Popular de Lugo

O PP explica que «o goberno local non cumpriu en catro anos a promesa da construción da residencia de maiores en Cervantes»

Cervantes, 17 de marzo de 2023. O PP de Cervantes pide “seriedade e respecto aos veciños e veciñas” en relación á promesa do goberno local socialista de construír unha residencia de maiores no municipio. Os populares explican que “está a piques de rematar este mandato e, en catro anos, os veciños e veciñas non estamos a ver ningún tipo de avance sobre esa obra”.

É máis, “o goberno local socialista non puxo ningún terreo a disposición nin reservou oficialmente partida no orzamento do Concello para facer fronte á súa parte”. De feito, “cando o alcalde asinou o convenio coa Deputación no 2019, a penas unhas semanas antes das pasadas eleccións municipais, comprometérase a poñer os terreos e aportar 200.000 euros”.

O PP de Cervantes agarda que “o PSOE non volva enganar aos veciños e veciñas”. Para os populares “todos os anuncios sobre a residencia foron fume” e temen que “en vésperas doutras eleccións municipais, os socialistas volvan facer a mesma promesa que todos os veciños poden comprobar que non cumpriron”.

INICIATIVA NO PLENO PROVINCIAL

O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo interesarase no vindeiro pleno pola situación do centro de atención a persoas maiores previsto en Cervantes. Os populares xa advertían en xuño do ano pasado, durante unha visita ao municipio, da “falta de avances reais para construír a residencia prometida ás portas dunhas eleccións que agora vemos que quedou niso, nunha promesa; porque a realidade é que non hai tal residencia”.