Monforte, 16 de marzo de 2023. O alcalde de Monforte, José Tomé (PSOE), é un ex sindicalista que tropeza con frecuencia cos traballadores. Agora, segundo indica o PP monfortino, “unha sentenza do Xulgado do Social de Lugo evidencia a falta de respecto que Tomé e o seu equipo teñen polos dereitos dos traballadores”. A portavoz popular, Katy Varela, explica que “ao coincidir os días 24 e 31 de decembro de 2022 en fin de semana, os funcionarios do Concello víronse privados de gozar de dous días libres que lles corresponderían en caso de ser 24 e 31 días laborables”.
Varela destaca: “A xunta de goberno local acordou o 4 de abril de 2022 desestimar a solicitude dos traballadores para gozar de dous días libres ao coincidir o 24 e o 31 en sábado, día libre sempre na función pública. A sentenza esgrime que tanto a resolución do 24 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral da Función Pública como a resolución do 28 de febreiro de 2019 da Secretaría de Estado de Función Pública, outorgan o dereito de coller eses dous días libres se caen en sábado a todos os empregados públicos”.
Para Katy Varela, “esta sentenza, ditada o pasado 20 de febreiro, é outro exemplo máis da falta de talante negociador de Tomé; peor aínda tendo en que se trata de dereitos laborais e que o alcalde ten un pasado significativamente sindicalista”.
Os populares están convencidos de que “o alcalde de Monforte cre que con subir o soldo, os dereitos dos traballadores xa están cubertos, pero hai moito máis e parece mentira que non se ocupe máis do seu benestar”.