Monforte, 14 de marzo de 2023. A candidata do PP á alcaldía de Monforte (actual portavoz municipal), Katy Varela, desenvolve o seu programa de encontros con veciños dos distintos barrios de Monforte, co obxectivo de coñecer de primeira man os problemas que sofren e as súas inquedanzas. Á vista do que expoñen os veciños, a aspirante popular avoga pola renovación de infraestruturas que, na actualidade, polo seu mal estado, son unha fonte de molestias e dificultades, como é o caso do abastecemento de auga.
Varela lembra que un dos aspectos da xestión municipal que máis critica o PP de Monforte é a falta de ecuanimidade no reparto dos recursos. Sinala: “É recorrente a nosa denuncia de barrios e parroquias que se atopan nun estado alarmante de abandono, tanto en servizos básicos, como o saneamento ou abastecemento, como en investimentos urbanísticos”.
Os populares reuníronse con veciños da parroquia de Chao do Fabeiro. Indican que estes veciños de Monforte tamén sofren as consecuencias do mal estado da rede de abastecemento; tal e como ocorre na maioría das parroquias, non existe saneamento. Katy Varela considera “intolerable que despois de vinte anos na corporación municipal, o alcalde non priorizara a solución aos problemas no subministro de auga e que, agora que se achegan as elección locais, anuncie obras de abastecemento e saneamento que xa prometeu no 2020 e que, tres anos despois, están sen executar”.
No PP destacan que os veciños de Chao do Fabeiro, do mesmo xeito que os doutros barrios, como O Casar ou a Estación, sofren continuos cortes de auga polo mal estado das tubaxes. Katy Varela di que ademais hai notables deficiencias en canto ás vías de comunicación, o que se traduce na existencia de gran número de fochancas. En concreto, os veciños da parroquia de Fabeiro botan en falta un maior investimento no arranxo de camiños e melloras na cobertura móbil, outra materia pendente en Monforte.