Ribeira de Piquín, 13 de marzo de 2023. O sector forestal é fundamental na economía de Ribeira de Piquín. A saca da madeira esixe o uso de camiños forestais e pistas que, en ocasións, sofren as consecuencias do paso dos vehículos pesados. O Concello de Ribeira de Piquín aplica unha taxa de 0,60 céntimos por tonelada transportada para dedicar o recadado á reparación dos camiños. O PP di que moitas das pistas están en moi mal estado e que a aplicación da taxa non é operativa; é partidario de establecer unha fianza e, en todo caso, di que é necesario proceder á mellora das pistas.
O PP, segundo sinala o seu candidato á alcaldía, José Osorio, “Castro”, constata que unha gran parte das pistas e camiños forestais que se usan para sacar a madeira do monte están en moi estado o que dificulta o traballo dos maderistas. Lembra que o Concello aplica unha taxa de 0,60 céntimos por tonelada e, a pesar diso, non repara os camiños. Os populares queren saber a que está dedicando o goberno local os cartos recadados polo citado concepto, dado que non se ven melloras nas pistas.
Castro di que a aplicación da taxa non garante a reparación dos posibles danos causados ás vías; o que si é seguro -di- é que os industriais repercuten ese custo no prezo que abonan aos propietarios das árbores.
O PP considera que é moito máis operativo o modelo de fianza que aplican algúns concellos. Con este sistema, no caso de que a empresa ocasione deterioro nos camiños, o Concello utiliza os cartos da fianza para levar a cabo as obras de reparación que resulten necesarias. Desta maneira, se os traballos de saca da madeira non danan as vías, o empresario recupera a fianza depositada; se hai deterioro, o Concello dispón de cartos para acometer a reparación. En todo caso, Castro di que agora é preciso que o Concello proceda a reparación das pistas.