Castroverde, 12 de marzo de 2023. Arroupado pola presidenta provincial, Elena Candia, a representante do PPdeG, Ánxeles Vázquez, ademais de por outros cargos orgánicos, o candidato do PP de Castroverde, Pablo Figueiras, manifestou este domingo, na súa presentación oficial como alcaldable, o compromiso de “impulsar proxectos que permitan crear postos de traballo, dar un mellor servizo ás persoas maiores, máis facilidades ás empresas que temos e ser os aliados do noso sector primario, que é do que vivides a maior parte dos veciños”. “Castroverde é a miña prioridade”, remarcou.
En palabras deste avogado de profesión e empresario moi vinculado coa hostalería local, “Castroverde ten que evolucionar máis, ten que ter tamén mellores prestacións e mellores comunicacións. Recursos para elo temos, pero falta esa persoa que sexa capaz de facelo realidade. Con total humildade considero que estou á altura”, pois a pesares de que o actual rexedor é tamén deputado provincial durante todos os mandatos socialistas, “non foi capaz de facer que tanto cargo político servise para atraer investimentos para os veciños”.
Neste senso, engadiu: “no PP demostramos que cando gobernamos a xestión é a principal característica que nos define. Apoiar nestes momento ás forzas de esquerda sería avalar gobernos como o de Pedro Sánchez ou o da Deputación de Lugo que, pola vía dos feitos, demostraron e demostran cada día que non están á altura do que necesitan os concellos, do que necesita esta provincia e, moito menos, do que necesita este país”.
O PP, GARANTÍA DE XESTIÓN
O alcaldable fixo esta reflexión amparándose en datos concretos e constatables. “Lembrades cantas veces nos venderon a apertura da residencia da terceira idade? Por castroverde pasaron todos os presidentes socialistas da Deputación, incluído o alcalde que é tamén deputado, claro. Pasou Besteiro, pasou Darío Campos, pasou Tomé e todos nos dicían o mesmo. E cal é a realidade? Que a residencia aínda se abriu hai pouco máis de 2 anos. Entre uns e outros, tivemos que esperar anos. Pensade que as obras comezaran no ano 2013. Por tanto, Castroverde tamén ten que aportar o seu grao de area para que o cambio na Deputación chegue o 28 de maio. Estou convencido de que se a Deputación estivese gobernada polo Partido Popular teriamos a residencia aberta moito antes”, manifestou.
Ademais, este municipio, tal e como indicou, está perdendo poboación. Segundo datos o Institituto Nacional de Estatística (INE), Castroverde ten 2.592 habitantes, dos que case o 34% superan os 65 anos (aproximadamente 873 persoas). “Isto indica que nin nós mesmos vemos a Castroverde como o lugar no que montar un negocio ou vivir. Francamente, dóeme que isto pase e non podemos permitir que sigamos indo por esta costa abaixo. Por iso, as 79 parroquias teñen que mellorar en servizos. Para min igual son os veciños de Furís, como os de Pereiroá, os de Grandón, os de Paderne ou de Barredo, por citar algúns nomes. O que hai que facer dende o Concello é traballo, traballo e traballo; xestión, xestión e xestión”, concluíu.
O PERFIL IDÓNEO
A presidenta provincial puxo en valor o paso dado polo candidato e tamén “a súa valía profesional e persoal”. “Ten unha solvencia detrás que o acredita para afirmar que ten o perfil idóneo para liderar o cambio neste municipio. Non me cabe a menor dúbida de que os veciños valorarán que poñer a Pablo na alcaldía é garantir que este concello medre cualitativa e cuantitativamente”, destacou.
A este respecto, a líder provincial recoñeceu publicamente que “foi unha gran satisfacción cando aceptou a proposta que lle fixemos. Con Pablo gaña Castroverde e gaña o Partido Popular”, indicou.
Elena Candia agradeceu tamén o traballo realizado polo grupo municipal. “Estar na oposición é duro; de aí que o labor que fan os nosos concelleiros e concelleiras e a xenerosidade política e persoal que demostran canda día sexa incalculable”, afirmou.
Ánxeles Vázquez demandou que Castroverde ten que ser revitalizado e para iso salientou que “Pablo aporta coñecemento e aposta por Castroverde demostrando que o seu pobo está por riba de todo”. Para rematar, fixo unha valoración da Lei de Benestar Animal, que non convence a ninguén, e da Lei de Vivenda coa cal parece que as okupacións non existen en Galicia e en realidade están supoñendo un auténtico problema para veciños e propietarios; neste senso, Vázquez preguntouse que “opinarán os alcaldes do PSOE, como o de Castroverde, sobre estes asuntos”.