Samos, 12 de marzo de 2023. Miguel Gallego Saavedra sinalou como folla de ruta do proxecto do PP que encabeza en Samos “traballar por aquilo que é posible facer e que xera benestar ao noso pobo”. Así o expresou durante o acto de presentación como candidato popular á alcaldía no que participaron arredor de 200 persoas entre os que se atopan membros da dirección provincial do Partido Popular -de feito, tamén interviu o vicepresidente Francisco Conde, o secretario xeral Javier Vázquez Nodal e o coordinador xeral José Manuel Balseiro-; deputados, alcaldes da zona, compañeiros do PP e moitos veciños e veciñas de Samos.
O alcaldable popular sinalou que “somos xente nova pero seria, ilusionados e coñecedores da responsabilidade que conleva representar a un partido tan grande como é o PP. E estamos dispostos a traballar para conseguir a maioría e acadar a alcaldía de Samos” porque “unha mestura de partidos que non se poñan de acordo en nada, non podería facer nada bo polo pobo”. As propostas do Partido Popular “serán cribles” e realizables e dirixidas a “mellorar e revitalizar o noso concello”.
Miguel Gallego ten claro que “imos defender o noso rural, a forma de vida dos gandeiros que manteñen en boas condicións o noso patrimonio natural” e que sofren as consecuencias das políticas impostas dende Madrid por “alguén que nunca unha vaca viu nin coñece para nada o sistema de vida da nosa Comunidade”. Nomeou, por exemplo, a protección do lobo e sinalou que “hai que protexer o noso sustento. As nosas vacas son animais a protexer”. Así, continuou, “todo son atrancos para as persoas que queren vivir e quedar nas nosas aldeas”. Advirte que, deste xeito, “non se pode fixar poboación”.
O popular sinalou que “o parque eólico xeraría traballo e riqueza para a nosa xente” e por iso lamentou que haxa movementos que se opoñan a este tipo de iniciativas e que xurdan, ademais, “de persoas de fóra que din interesarse polo noso benestar”. Miguel Gallego amosouse partidario de darlle vida ao pobo para revitalizar os negocios. Así mesmo, avogou por “dar visibilidade ao noso sector hostaleiro” a través dunha “boa sinalización e promoción nas redes do ben que se come en Samos”.
Tamén sinalou que “debemos conseguir unha nova residencia de maiores como teñen outros concellos de arredor -e que dende o PSOE tanto nos negaron, ano tras ano- porque os nosos veciños tamén teñen o dereito a residir e ser coidados na súa zona sen ter que desprazarse”.
En definitiva, avanzou que “esixiremos aos organismos correspondentes que traballen para aquilo para o que foron creados”. En relación á Deputación de Lugo, contrapón “a promoción que fai o goberno de Tomé sobre a súa xestión co mal estado que presentan as estradas provinciais de Lóuzara”, por exemplo.
Miguel Gallego recoñeceu que “temos un gran reto por diante”. E “fronte aos insultos e mentiras das persoas que nunca fixeron nada por Samos”; convida aos simpatizantes a “seguir unidos, todos a unha, polo noso camiño” de cara a conseguir unha ampla maioría para poder gobernar o Concello libre de ataduras, problemas e liortas”.
XENTE NOVA E PREPARADA SUMADA A XENTE CON EXPERIENCIA
A dirección provincial destacou a incorporación de candidatos novos ao proxecto do Partido Popular co obxectivo de “sumar sabia nova e preparada”. É o caso de Miguel Gallego que é un dos tres candidatos máis novos do PP na provincia e en Galicia ao que lle trasladaron o seu apoio e lle agradeceron que “dera un paso adiante”. Engadiron que se trata “dunha persoa próxima, razoable e coherente que ten un longo futuro político por diante”.
Os populares remarcaron que “en Samos presentamos unha candidatura innovadora e que integra xente nova e xente con experiencia” para conformar un equipo forte co que concorrer ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio nas que os populares agardan acadar a alcaldía. O equipo contará con “xente que forma parte da dirección do partido a nivel local” como é o actual presidente do PP de Samos, Martín Chaos, que ocupará o número 2 da candidatura, tal e como foi anunciado recentemente”.
SOLVENCIA DO PP FRONTE AO NERVIOSISMO DO PSOE
O PP lucense sinala que “a nosa formación está a presentar candidatos solventes; pero iso parece que molesta ao secretario xeral dos socialistas na provincia que demostra a súa preocupación intentando facer descualificacións”. Dende formación popular cren que “estas declaracións son froito do nerviosismo de Tomé por non ter os deberes feitos. É un home orquestra -alcalde de Monforte, presidente da Deputación e secretario xeral do PSOE na provincia- que non pode atender a todo ben”. De feito, “como presidente da Deputación non atendeu ás necesidades de concellos coma o de Samos” que, ademais, “pertence ao partido xudicial de Lugo, que pode ser determinante para acadar o goberno da Deputación”. Os populares explican que “a Xunta seguirá sumando, apoiando aos Concellos galegos, ás empresas e aos gandeiros -que constitúen o principal sector en Samos-; ademais de financiar os principais servizos públicos”. Lembraron, nese sentido, que “a Xunta dirixiu ao Concello de Samos e aos seus veciños máis de 11 millóns de euros nos últimos catro anos dos que 2,5 corresponden ao pasado ano 2022”.