Ourol, 11 de marzo de 2023. O empresario José Hermida Corbelle é de novo o candidato do PP á alcaldía de Ourol. A presentación de Hermida como cabeza de lista levouse a cabo no transcurso dun acto celebrado no Centro Social de Merille, no que participaron representantes da dirección provincial do partido. O aspirante popular a alcaldía, actual portavoz municipal, deixou claro que asume o reto con toda responsabilidade e ilusión e co desexo de pilotar un goberno que saque a Ourol “do estancamento no que o meteu o actual equipo de goberno, do PSOE; é preciso traballar con eficacia para que este concello avance o necesario”.
Hermida lembra que “no seu momento, o PP transformou este concello e o que fixo o goberno local actual foi vivir de rendas e carecer de iniciativas propias”.
O candidato popular di que entre os seus obxectivos está o de mellorar as infraestruturas viarias. Por un lado, “hai que levar a cabo un mantemento de calidade das estradas municipais, porque tal como se está facendo é de moi curta duración e os firmes están sempre cheos de fochancas”. Na mesma liña, apunta a posibilidade de abrir novas pistas forestais, dada a importancia que ten o sector forestal no concello. En canto a outro tipo de infraestruturas, Hermida sinala que “hai que avanzar en levar a traída de auga aos núcleos que aínda non teñen”.
O candidato popular destaca que “hai que dar impulso ao polígono industrial e xestionar facilidades para que se implanten nel empresas”. Indica que a falta de empresas neste recinto é a mellor demostración da incapacidade de xestión do actual goberno municipal.
Entre as iniciativas que apunta Hermida, figura a rehabilitación dos antigos pisos dos mestres, co fin de dedicalas a vivendas sociais.
Hermida, por outra parte, destaca que para facer atractivo o municipio para as visitas turísticas “queda moito por facer”; cre que ten atractivos naturais máis que suficientes para espertar o interese dos turistas. Por parte da dirección provincial do PP asistiron á presentación do candidato, entre outros, o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, así como o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, ademais de alcaldes e portavoces populares en concellos do entorno. Dende a dirección provincial sinálase que o partido “intentará recuperar o apoio que tivo o PP en Ourol moitos anos. Nesta ocasión, a candidatura popular, indican os responsables provinciais, combinará continuidade e renovación.