Lugo, 10 de marzo de 2023. O goberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, tardou en acordarse da necesidade de mellorar a estrada LU-P 1611, chamado o cinto comarcal de Lugo, a pesar de que o PP puxo este asunto riba da mesa en outubro do 2021. Os populares alégranse de que, por fin, se acometan melloras nesta importante vía provincial, pero avisan de que son totalmente insuficientes.
O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Acabamos de coñecer que hoxe a xunta de goberno da Deputación aprobou unha obra, por case un millón de euros, para a mellora do cinto comarcal de Lugo, a estrada LU-P 1611. Por un lado, estamos contentos no PP porque se faga algo nesta vía tan importante, especialmente para os concellos da contorna da cidade de Lugo e para os veciños de Lugo, que tamén son usuarios desta estrada, pero hai que dicir que é totalmente insuficiente”. Castiñeira lembra que “o PP pediu en outubro do 2021, nunha moción, o arranxo desta estrada, que ten máis de 130 quilómetros e que está moi mal, non só no Concello de Guntín, no que se van facer as obras, senón tamén noutros, como Friol e Begonte”. Aclara: “Por iso dicimos que é absolutamente insuficiente o acordado hoxe; no 2021, os alcaldes de Guntín, Begonte e Friol, debido ás queixas dos veciños, pediron unha reunión co presidente da Deputación de Lugo, que non quixo recibilos”.
Os populares piden “ao goberno da Deputación que teña máis en conta esta estrada e que a arranxe na súa totalidade”. Saben “que hai tramos que están en mellores condicións, como en Castroverde e Pol, porque se melloraron nalgún momento, pero hai outros que necesitan reparacións e non se están a facer”. Castiñeira destaca: “Xa vai ano e medio dende que presentamos a moción para a reparación do cinto comarcal; benvida sexa a mellora deste pequeno tramo en Guntín, pero o que queremos é que non se deixe sen amañar o resto dos tramos quen están mal, e concretamente en Friol, cuxo alcalde leva demandando a mellora desta vía dende hai moito tempo”.