Partido Popular de Lugo

Dani Vega: «Continúan os Seráns de Teatro polas parroquias permitindo a dinamización da actividade cultural das fins de semana»

Ribadeo, 9 de marzo de 2023. O candidato a alcaldía dos populares de Ribadeo, Dani Vega, explica que “continúan os seráns de teatro, unha iniciativa das asociacións de veciños e de todas as parroquias” e que está financiada pola Xunta de Galicia. Desde o grupo municipal destacan que recolleron a proposta e xestionaron o orzamento que se precisaba para poder facer estas xornadas de teatro tan atractivas para os veciños.

O popular explica que “estamos agora mesmo nunha liña de traballo para dinamizar a actividade cultura nas parroquias, sempre en colaboración cos veciños e as asociacións e así desestacionalizar a oferta cultural”. Neste sentido, Dani Vega resalta que “esta oferta non debe existir só nos meses de verán, senón tamén nestes meses máis fríos e parados”.

Ademais, o actual candidato dos populares agradece aos seus veciños polo intenso traballo do día a día, e apunta que “nas parroquias hai xente que vive soa e as tardes de inverno, con pouca luz e con choiva vólvense moi longas. Por iso, esta é unha iniciativa fermosa para socializar e pasar unha tarde diferente”.

PRÓXIMAS DATAS

Vega destaca que “queremos achegar ás rúas actividade cultural e podemos avanzar unhas datas para presenciar estas obras de teatro”. Estas xornadas de teatro comezaron o domingo 15 de xaneiro en Vilaframil, e agora continúan coa presentación dunha obra de teatro a cargo do grupo A Adala de Fazouro baixo o nome “A Consulta”. O sábado 11 de marzo ás 19:00 h. na escola de As Anzas rematarán coa obra.

O sábado 18 de marzo, na escola de A Rochela ás 19:00 h. comezan coa interpretación da obra “Vivan os noivos”. O 26 de marzo ás 18:30 h. continúan en Santalla de Vilaosende, o 9 de abril ás 18:30 h. na escola de Remourelle e o 15 de abril ás 20:00 h. rematan na escola de Cedofeita.