Partido Popular de Lugo

Óscar Fernández define como “ilusionante e de futuro” o proxecto do PP para “poñer a Meira no lugar que lle corresponde»

Meira, 5 de marzo de 2023. “Ilusión, esperanza, ganas de avanzar e poñer a Meira no lugar que lle corresponde como cabeceira de comarca” son as palabras coas que Óscar Fernández definiu o proxecto que encabeza en Meira polo Partido Popular. O alcaldable estivo arroupado este sábado durante o acto de presentación por Julio García Comesaña; Javier Vázquez Nodal, secretario xeral do PP lucense; José Manuel Balseiro, coordinador xeral e deputado autonómico; Javier Vázquez Prado, secretario de organización; senadores, deputados, alcaldes e candidatos populares noutros concellos; ademais de veciños e afiliados da localidade.

O popular expresou o seu “absoluto compromiso co concello e con toda a súa xente” e asegurou que “o noso proxecto vai collendo forma e forza cun equipo de persoas que porá todo o seu coñecemento e enerxía para cambiar as dinámicas do Concello de Meira, algo que será fundamental para o futuro da vila e dos nosos veciños e veciñas”. De feito, Óscar Fernández decidiu presentarse á alcaldía para cambiar “a realidade que vivimos no día a día que demostra que o actual goberno non ten proxecto de futuro: os empresarios vemos que non hai aposta decidida polas actividades económicas, os pais e nais temos que levar aos nosos fillos realizar actividades propias da idade a outros concellos, non dispoñemos de oferta deportiva ou cultural, tampouco podemos acceder a vivenda e, todo iso, a pesar de pagar unhas taxas e impostos desorbitados”.

O popular aposta por “coidar as nosas empresas das que nos podemos sentir orgullosos; tanto das fortes coma dos pequenos e grandes emprendedores”. Neste  ámbito, subliñou “a importancia de dispor de solo industrial e actualizar a normativa urbanística que permita solucionar tamén o problema da escaseza de vivenda ou o elevado IBI”. Así mesmo, considera que “un pobo sen nenos é un pobo triste; así que coidémolos e garantamos o seu futuro dándolles oportunidades”. Fernández asegurou tamén durante a súa intervención a súa intención de apoiar “ás mulleres, nais e avoas porque son o motor da nosa terra”. E, como é “fillo do rural de corazón e formación” comprométese a atender e resolver os problemas propios de “cada recuncho do concello” ante “a falta de acción destes últimos anos”. Así mesmo, o candidato popular á alcaldía ten moi presente o patrimonio material e inmaterial de Meira de cara á súa potenciación.

Sobre a ampliación e reforma do centro de saúde, para o que a Xunta ten xa adxudicada a redacción do proxecto, Óscar Fernández manifestou que “dispoñer dunhas infraestruturas de calidade é vital para o concello e para o futuro mantemento dos servizos básicos sanitarios”.

Durante a súa intervención, Julio García Comesaña sinalou que “a Xunta xa ten un proxecto básico desa ampliación, que están a supervisar os técnicos”; e subliñou que “en todo este proceso de moverse para facer un gran investimento en Meira o papel do alcalde e do goberno local foi ningún: non se interesaron nin unha soa vez”. É máis, explicou que “foi o PP, dende a oposición, o que pediu inversións para Meira e o que se interesou continuamente polo proxecto”.

“Por iso quixen estar hoxe aquí con Óscar, porque teño claro que Meira merece moito máis do que ten agora e que el pode dalo. Óscar é empresario, enxeñeiro e sabe de proxectos e dos esforzos que hai que facer para movelos. Estou seguro de que se el fose alcalde, non quedaría de brazos cruzados ante un investimento deste calibre para Meira. E iso é o que necesita un Concello: alguén que lidere e que tire dos proxectos”, matizou.

ILUSIÓN POR UN PROXECTO DE FUTURO

A dirección provincial sinalou que “é viable gañar as eleccións municipais en Meira”. Explicaron que “a localidade sufriu un retroceso nos últimos anos, pero hai outra forma de facer política”. De feito, o Partido Popular, que gobernou moitos anos no municipio, presenta “unha candidatura renovada, cun proxecto de futuro que, se os veciños a apoian o 28 de maio, o demostrará nos vindeiros anos”. Os populares trasladáronlle a súa confianza a Óscar Fernández e remarcaron: “aspiramos a conseguir a alcaldía”.

O candidato do PP agradeceu o apoio de distintos membros do partido e “de todos os que formamos parte deste proxecto: os que fan, fixeron e farán moito traballo. O camiño comeza aquí e espero que a ilusión que me transmiten os veciños e veciñas llela poida devolver con feitos nos próximos anos”, concluíu.