Partido Popular de Lugo

O PP faise eco das queixas dos veciños e reclama ao goberno provincial que acometa sen máis demora a reparación da LU-P 5303, parcialmente afundida cerca de San Clodio

Lugo, 03 de marzo de 2023. A calzada da estrada provincial LU-P 5303 afundiuse parcialmente nun tramo próximo a San Clodio-Ribas de Sil. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, faise eco do malestar dos veciños máis directamente afectados polo estado da vía dende hai xa moito tempo. Explica: “O grupo provincial do PP acudiu á chamada de veciños de Ribas de Sil e do PP, por medio de José Rodríguez, porque hai veciños que se queixan polo mal estado da estrada LU-P 5303, que vai de San Clodio, por Torbeo ao límite da provincia; é unha vía moi utilizada e debido ao afundimento parcial da calzada está moi perigosa. Os veciños din que leva moito tempo así e ven como cada vez están máis illados”.

O portavoz popular na Deputación lamenta que a mellora desta vía leve tanta demora e destaca que os veciños “séntense abandonados por parte do goberno de Ribas de Sil e tamén polo da Deputación de Lugo”.

Castiñeira indica que os veciños non demandan novas e custosas infraestruturas, “só queren que as estradas xa existentes, como é esta LU-P 5303, estean en boas condicións e que non resulten un perigo”. Os populares din que “o goberno provincial ten que dar unha solución inmediata a ese problema antes de que pase algo; os veciños están desesperados polo retraso en solucionar este problema, porque necesitan esa estrada para moverse polo seu entorno no día a día”.