A Pobra do Brollón, 3 de marzo de 2023. O goberno municipal de Pobra do Brollón, presidido polo nacionalista Xosé Lois Maceda, distinguiuse ao longo de todo o mandato pola súa ineficacia na xestión e, o que aínda é máis grave, pola súa insensibilidade fronte aos problemas sociais. Así o sinalan no PP da Pobra de Brollón, que poñen como exemplo da mala xestión e da falta de sensibilidade social o feito de que haxa catro familias en lista de espera para recibir as prestacións do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a pesar de que o Concello ten horas autorizadas pola Xunta para poder atender a esas persoas.
O Concello ten aprobadas nestes momentos pola Xunta máis horas ao mes das que presta efectivamente. Para o PP, a situación que denuncia “é unha demostración máis da falta de preocupación do alcalde e do seu goberno polos problemas dos veciños, que é aínda máis grave cando se trata de persoas que teñen solicitado o Servizo de Axuda no Fogar”.
O presidente da xestora popular e candidato á alcaldía, Teddy López, di que é necesario cambiar a maneira de xestionar o Concello, apostar polas políticas sociais e aproveitar debidamente os recursos dispoñibles, e moi especialmente no caso de servizos como o SAF.