Partido Popular de Lugo

O PP di que Tomé renega das estradas provinciais e levanta “cortinas de fume” para tapar a súa ineficacia na xestión, “nunha lexislatura patética, na que estiveron e están abandonadas»

Lugo, 1 de marzo de 2023. Un pleno máis, o goberno da Deputación demostrou a súa incapacidade para manter nas debidas condicións as estradas da rede provincial e, tamén, unha vez máis, tratou de encubrir a súa ineficacia xestora, intentando desviar a atención cara outras administracións. O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que “no día de onte quedou claro que a Deputación ten un problema coas estradas provinciais, un problema que, como vén demostrando o PP, que se debe a que ten un delegado de Vías e Obras que renega das súas funcións”. Castiñeira lembra que “así o fixo público o propio delegado, que coincide que é o presidente da Deputación de Lugo, o señor Tomé”.  Engade que “como estamos sen delegado de Vías e Obras e teñen un problema, están intentando  crear cortinas de fume, como vimos onte no pleno, co seu intento de comparar equipamentos doutras administracións ou xustificar o desastre da mobilidade lucense grazas ao Goberno de Sánchez”. Asegura que “cando o PP chegue ao goberno esta competencia fundamental vai ser prioritaria; sen dúbida algunha as estradas provinciais teñen que mellorar porque esta foi unha lexislatura patética, na que estiveron e están abandonadas”.

O bigoberno intentou no pleno “culpabilizar á Xunta de Galicia e foi lamentable o espectáculo que vivimos onte, por exemplo, co debate que afectaba ao Courel”. Engade: “Os propios socialistas e nacionalistas dixeron que levan gastados 22 millóns de euros en catro anos na rede provincial (4.000 quilómetros), cantidade que é absolutamente insuficiente, e estaban pedindo un arranxo de 22 millóns de euros para unha estrada da Xunta”.

Castiñeira viu no pleno “incoherencias dun goberno que intenta tapar a súa ineficacia nun asunto importantísimo, que é competencia directa da Deputación, como son as estradas; intenta contraatacar e xustificar a Sánchez aínda que sexa de maneira case cómica”. Os populares din “ao goberno da Deputación de Lugo que pense nos veciños da provincia e que as estradas provinciais son moi necesarias para todos eles e, polo tanto, hai que gastar os cartos”. O que promete o PP é que cando chegue ao goberno esta competencia fundamental vai ser prioritaria; sen dúbida algunha as estradas provinciais teñen que mellorar porque esta foi unha lexislatura patética, na que estiveron e están abandonadas”.

Débeda co Courel

A alcaldesa do Courel, Lola Castro, na súa calidade de deputada provincial lamenta que o BNG, integrante do goberno da Deputación, propuxera, no pleno pasado, reclamar á Xunta as obras que xa están en execución na estrada autonómica LU-651. “O primeiro que me chamou a atención foi que intenten comparar as obras que o Goberno de Pedro Sánchez é incapaz de facer para reconstruír as pontes da A-6, no Castro, coas desta estrada autonómica, porque é claro que nada ten que ver unha vía coa outra. E tamén me chamou a atención que insistan en destacar a diferenza entre os orzamentos da Xunta e da Deputación; pois claro que son moito máis grandes os da Xunta, porque son para toda Galicia e as competencias son inmensamente máis grandes. E por outro lado, anteriores gobernos provinciais, con menos orzamento do que agora ten o señor Tomé, non só mantiveron en bo estado as estradas da Deputación, senón que abriron moitas outras novas”

Castro tamén destacou que a Xunta actuou en tempo récord para abrir unha alternativa cando se produciu o derrubo na LU-651, “e foi vital para facer fronte aos incendios do ano pasado”. A alcaldesa do Courel e deputada provincial sinala: “A Deputación, na LU-P 1301 fixo unha reparación que é unha verdadeira chapuza, en realidade non foi máis que un tinguido da calzada, que xa se está a borrar; nada fixo para ampliar o ancho desta estrada, na que dous vehículos grandes ou non se poden cruzar ou crúzanse con moitas dificultades”. Engade: “As estradas provinciais no Courel están feitas un desastre e iso é responsabilidade do presidente da Deputación”. Lamenta que o goberno provincial incorrese no debate en “falta de respecto” cara ela. “Moi mal deben ver a Pedro Sánchez cando ten que vir ao Courel Tomé a defendelo”, manifestou.