Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG votan na Deputación de Lugo en contra de pedir ao Goberno revisar a coñecida lei do “solo si es si” e pedir a dimisión da Ministra e da Secretaria de Estado de Igualdade

Lugo, 28 de febreiro de 2023. O portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Javier Castiñeira, dirixiuse durante a súa intervención no pleno deste martes aos representantes do PSOE e do BNG na Deputación para preguntarlles se están de acordo con que se rebaixen as penas aos violadores e agresores sexuais por efecto da aplicación da coñecida como Lei do solo si es si; pero “lamentablemente non obtivemos resposta”. En cambio, a resposta do PP é clara: “esta bancada di non”.

É por iso polo que os populares levaban a pleno unha moción pedindo ao Goberno a revisión da lei pola vía de urxencia para que quen cometa delitos sexuais poida ter, canto antes, as mesmas penas que estaban en vigor ata o 22 de setembro; que se viron rebaixadas pola actual regulación. Igualmente, pedían instar ao presidente do Goberno a destituír á Ministra e á Secretaria de Estado de Igualdade. Finalmente, a moción resultou rexeitada cos votos en contra dos grupos do PSOE e do BNG.

Castiñeira explicou que “o PP leva anos dicindo non á violencia de xénero e agora tamén dicimos non, por suposto, á rebaixa de condenas pola lei do solo si es si”. Nese sentido, lembrou que “cando o PSOE e o BNG votaron a favor de aprobar esta lei; os deputados e senadores populares, entre eles os da provincia de Lugo, xa apercibiron o que iba suceder e por iso votamos en contra. Non nos fixeron caso. E o que é máis grave, o propio Poder Xudicial alertara e tampouco quixeron escoitalos abrindo incluso un enfrontamento de poderes sen parangón na democracia. Agora, ata a Comisión Europea pide unha reforma inmediata e fala de retroceso no que era un camiño firme na loita pola igualdade entre homes e mulleres”.

“A día de hoxe son xa 607 rebaixas de condenas e 58 excarcelacións”, sinalou Castiñeira que considera, polo tanto, “os resultados da aplicación da lei unha absoluta vergoña”. O popular incidiu en que “non son simplemente efectos non desexados”; senón que “as vítimas son casos reais e concretos coma o do violador do portal de Lugo que saíu libre o 14 de febreiro tras ver rebaixada a súa condena en 2 anos”.

“Vistos os resultados desta lei, o Partido Popular ofrecemos colaboración para cambiar a lei, á que aínda non recibimos contestación. Mentres o goteo de rebaixas de condenas segue minando o ánimo da sociedade civil”, sinalou. Nese sentido, en nome do Grupo Provincial Popular explicou que “existen 4000 violadores e agresores sexuais que son susceptibles de poder beneficiarse da aplicación da lei do “solo si es si” e, polo tanto, “isto hai que paralo. Non pode prorrogarse máis tempo”.

Así, o popular convidou ao PSOE lucense e o BNG a votar en Madrid “a favor de cambiar a lei, se verdadeiramente queren loitar pola igualdade; e a pedir, se teñen algo de influencia no Goberno de España, o cese da ministra e da secretaria de Estado de Igualdade”.