Samos, 28 de febreiro de 2023. O candidato do PP á alcaldía de Samos, Miguel Gallego, incorpora como número 2 da lista ao actual presidente local, Martín Chaos Carballo. O alcaldable continúa así deseñando o equipo que o acompañará na candidatura coa que concorrerá ás eleccións de maio.
Neste senso, considera que se trata “dun bo perfil para lograr o obxectivo de gobernar o noso Concello”. Ademais, segundo destaca, “ten experiencia de Partido” debido a que é o dirixente da formación samonense dende 2009.
Chaos Carballo comparte co candidato outro factor que para Gallego “é importante”, o da idade. Nado en Lóuzara e vinculado laboralmente ao sector da extinción de incendios, ten 45 anos. “É dicir, creo que formamos un bo equipo, que, sen dúbida, temos que seguir ampliando e traballando para acadar a gobernabilidade”, defende.
Miguel Gallego ten tan só 25 anos e é o terceiro candidato máis novo tanto da provincia como de Galicia; de aí que aumentar “a base do Partido” tamén sexa outro dos retos que asume como alcaldable pero, sobre todo, “como persoa de Partido que son”.
“Samos é un municipio cunha alta porcentaxe de despoboamento. Penso que temos que ser nós, os máis novos, os que nos impliquemos para atraer servizos e prestacións que aumenten o valor económico que xa nos dá ser lugar de paso do Camiño Francés e, en consecuencia, para que máis mozos e mozas decidan emprender aquí”, conclúe.