Castroverde, 23 febreiro de 2023. O empresario Pablo Figueiras Reguera é o novo candidato do Partido Popular de Castroverde para recuperar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Figueiras Reguera, natural de Castroverde, é coñecido no municipio pola súa faceta de empresario, pois actualmente atópase en medio do remate da construción dun hotel que permitirá dinamizar a economía e o turismo.
O candidato trasladou os seus agradecementos á dirección provincial pola confianza depositada nel para “intentar recuperar un concello que leva anos estancando con este alcalde”. Figueiras márcase como obxectivo principal a recuperación da alcaldía para renovar Castroverde a través do fomento de certos sectores que axudarán a recuperar o esplendor que xa tivo no seu momento. Neste sentido, o empresario expresa a súa “Ilusión e responsabilidade” por ter a oportunidade de facer de Castroverde unha referencia a nivel provincial e traballar polos veciños e veciñas.
Desde a dirección provincial amosan un apoio incondicional ao proxecto de Figueiras. “Cremos que é a persoa indicada para recuperar a alcaldía, representa os valores de Castroverde e sabemos que dará o mellor de si para lograr un cambio de rumbo político no Concello”, apuntan.
CURRÍCULO
Pablo Figueiras Reguera é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña, avogado do Ilustre Colexio de Abogados de Lugo e exerce como tal desde o 2003 ata a actualidade.
Nos últimos anos deuse a coñecer máis pola súa faceta de empresario multidisciplinar. Desde o 2017 comezou no sector hostaleiro e desde o 2019 no sector inmobiliario. Na actualidade atópase inmerso nun proxecto da construción dun hotel en Castroverde que permitirá impulsar e dinamizar a economía e o turismo no municipio. Ademais, é preparador de opositores para a administración pública.