Partido Popular de Lugo

O PP insta ao Goberno no Senado e no Parlamento de Galicia a deixar de discriminar a Lugo e reclama a reposición total dos servizos ferroviarios

Lugo, 21 de febreiro de 2023. Os senadores e os deputados autonómicos do PP pola provincia de Lugo intentan, unha vez máis, que o Goberno de España, presidido polo socialista Pedro Sánchez, cese na discriminación da provincia de Lugo en materia ferroviaria, esixen a reposición da totalidade dos servizos suprimidos durante a pandemia e piden explicacións acerca de distintas cuestións relacionadas co tren. O PP presenta unha batería de preguntas no Senado e, no Parlamento, defenderá unha proposición non de lei na que pide o acordo da Cámara para “instar á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que restableza inmediatamente as conexións ferroviarias coa cidade de Monforte de Lemos suprimidas durante a pandemia e aínda non recuperadas”.

Tanto os senadores como os deputados autonómicos do PP de Lugo destacan que “un informe da Xunta de Galicia publicado en febreiro de 2023 establece que esta Comunidade Autónoma aínda non recuperou o 22% das conexións canceladas durante a pandemia, e esta cifra elévase ao 28% en servizos rexionais que atenden a conexións intermedias”. No mesmo informe indícase que “a situación en Monforte de Lemos é unha das máis graves: no traxecto Monforte-Vigo reducíronse os servizos ao redor do 75%; perdéronse o 66% dos servizos entre Monforte e Ponferrada; e diminuíron sistematicamente as conexións entre Monforte e A Coruña”. Igualmente, ponse de manifesto que segue sendo imposible chegar a Madrid desde Lugo antes do mediodía por vía ferroviaria pola falta de conexións entre a provincia lucense e Ourense á primeira hora da mañá.

Os senadores destacan a “preocupación respecto do Alvia que sae de Monforte ás 10:35 horas con destino Barcelona e cuxos billetes non aparecen dispoñibles a partir do 20 de marzo na páxina web de Renfe”. Preguntan que prazos baralla o Goberno para restablecer a totalidade das liñas ferroviarias suprimidas en Lugo durante a pandemia. Queren coñecer cando prevé o Goberno que finalizarán os procesos de formación/habilitación do novo persoal de condución.

Os senadores populares esperan que o Goberno aclare como é posible que non fora capaz de restablecer o 100% das liñas ferroviarias canceladas en Lugo durante a pandemia tendo en conta de que xa pasaron tres anos. Interésanse por coñecer se vai ser eliminada a conexión entre Monforte de Lemos e Barcelona mediante o tren Alvia das 10:35 AM. De ser así, queren saber cando e por que.

 Unha das preguntas ten por obxecto coñecer por que o Goberno segue discriminando aos lucenses ao non permitirlles chegar á capital de España antes do mediodía e por que non establece unha nova conexión entre Lugo e Ourense á primeira hora da mañá, tal e como solicitan de maneira reiterada os usuarios.

Pola súa parte, os deputados indican que se rexistra unha perda do 66% dos servicios no eixe Monforte –Ponferrada, que pasou a ter unha dotación de 12 trens a 4; e no eixe Coruña – Monforte, cunha redución sistemática de trens superior ao 50% no treito entre Coruña e Lugo.  Din que “esta situación produce certo paradoxo tendo en conta que acontece no mesmo momento no que o goberno municipal de Monforte anuncia un convenio con Renfe para poñer en marcha trens turísticos, cando a día de hoxe non repuxo os servizos ordinarios suprimidos estes anos coa escusa da pandemia”. Tamén resaltan que “ao mesmo tempo a falta de frecuencias está provocando unha saturación excesiva, especialmente aguda en hora punta, sen que se produzan os imprescindibles reforzos, e sen ter en conta as necesidades dos usuarios”.