Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular considera que «será necesario un cambio de goberno en Viveiro para que a alcaldesa deixe de bloquear a variante»

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2023. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que “será necesario un cambio de goberno en Viveiro para que a alcaldesa deixe de bloquear a variante e a Xunta poida construíla”. “Mentres ese bloqueo persista, a Xunta ten marcada unha prioridade alternativa: a mellora da estrada da Gañidoira, que suporá un investimento de 13,4 millóns de euros e mellorará a conexión da cidade do Landro con Lugo e con Ferrol”, apuntou.

Balseiro avogou polo “consenso” para executar a variante de Viveiro, pero lamentou que a actual alcaldesa “rexeitou desde 2010 ata oito propostas para esa variante”. “Os socialistas bloquean esta obra por razóns políticas”, lamentou o portavoz popular, quen lembrou que “hai cinco anos que a Xunta presentou unha nova alternativa a través da ponte desde Celeiro a Escourido, que evitaría o polémico paso por Magazos”.

“Aos socialistas non lle importan nada as infraestruturas da Mariña, Ferrolterra e Ortegal”, dixo Balseiro, que afirmou que “Pedro Sánchez desconecta á Mariña, Lugo e a Galicia enteira”.

VALENTES E SINCEROS

O portavoz popular manifestou que “hai que ser valentes e sinceros cos cidadáns e recoñecer que todas as administracións e todos os partidos teñen responsabilidade na carencia de infraestruturas que sofren o norte das provincias de Lugo e de A Coruña”. Neste punto incluíu ao BNG, “que pretende disfrazarse de inmaculado pero aseguraron condicionar o seu apoio ao PSOE a lograr determinadas obras que nunca chegaron, porque son socios fieis dun PSOE incumpridor con Galicia”.

José Manuel Balseiro considerou que “o grao de compromiso da Xunta e do Goberno de Pedro Sánchez coas infraestruturas viarias nas bisbarras do norte de Galicia non resiste comparación”. Así, lamentou que “nos últimos cinco anos que Pedro Sánchez leva na Moncloa non se construíu un só metro de autovía, nin está en obras un só quilómetro, nin se atopa en contratación tramo algún”. “Incluso se frearon os avances administrativos que deixou feito o Goberno de Rajoy e os orzamentos do actual Goberno PSOE-Podemos recortan as partidas e só inclúen 500.000 euros para a redacción dos proxectos nos catro tramos entre Barreiros e San Cibrao”, engadiu.

Pola contra, a Xunta de Galicia xa construíu e ten en servizo dous tramos do Corredor da Costa, que implicaron un forte esforzo orzamentario nun momento de fortes restricións e crise económica: a variante de Ortigueira, cun investimento de 50 millóns de euros; e o treito Celeiro-San Cibrao, cun custo doutros 50 millóns de euros.