Monforte, 20 de febreiro de 2023. Os socialistas teñen demostrada na provincia de Lugo unha inmoderada tendencia a externalizar servizos municipais. O alcalde de Monforte, e presidente da Deputación, José Tomé é un claro exemplo desta maneira de entender a xestión dos servizos públicos. Os populares monfortinos afean a Tomé que adxudique a unha UTE de empresas, de Málaga para máis concretar, a recadación de tributos en vía executiva e a xestión administrativa e recadación das multas de tráfico. A portavoz do PP, Katy Varela, sinala que, co importe destinado a dita externalización, o Concello podería contratar directamente ao persoal necesario para as citadas tarefas.
Katy Varela explica: “Acábase de asinar o contrato para a xestión recadatoria municipal en período executivo e para a xestión administrativa e recadación das multas de tráfico. Co importe desa adxudicación poderíase contratar directamente a xente para ocuparse desas tarefas sen ter que externalizar o traballo a través dunha empresa con sede en Málaga”. Indica que as empresas que asinaron o contrato son, como UTE, Consultoría SA e Tráfico y Movilidad Segura SL.”.
Varela sinala: “Para nós é unha evidencia máis da mala xestión dos recursos tanto persoais como económicos que leva a cabo este equipo de goberno, ao externalizar unha tarefa que se podería levar a cabo de forma interna polo Concello”. Explica que o mesmo sucedeu coa externalización da xestión do turismo na cidade, “un contrato por un importe parecido, e unha xestión que sen dúbida sería máis eficiente levala a cabo directamente polo Concello”.
No PP lembran “o anuncio feito recentemente da oferta de emprego para contratar unha persoa que se encargará soamente do equipo de videovixilancia”. Os populares non entenden “que unha persoa só teña encomendada esta tarefa”.
Varela declara: “É evidente que ao non estar presente o tempo suficiente no Concello, Tomé non xestiona de maneira eficaz os recursos dos que dispón”.