Partido Popular de Lugo

O PP de Pol condena «a total falta de transparencia do goberno local socialista» e ínstao a publicar a documentación pertinente no Portal de Transparencia «cumprindo coa lei»

Pol, 17 de febreiro de 2023. O PP de Pol condena a “total e absoluta falta de transparencia do goberno local que preside o socialista Lino Rodríguez” e, polo tanto, “insta aos responsables do goberno no Concello a publicar a documentación pertinente ao Portal de Transparencia, cumprindo coa lei de transparencia”.

Os populares explican que “a día de hoxe na sede electrónica do Concello, no Portal de Transparencia, o único documento que figura é un oficio do alcalde con data 09/04/2018 dirixido a Deputación Provincial de Lugo sobre as autorizacións de Servizos Sociais para Residencia de Maiores e para o Centro de día”. E, neste caso, “só consta o oficio non as autorizacións”, matizan.

“O resto dos apartados atópanse completamente baleiros, chamando a atención o apartado institucional,” sobre funcionamento e órganos de goberno, onde non figura nin unha soa acta dos plenos celebrados nin tampouco ningunha orde do día”, engaden.

Do mesmo xeito, “non hai absolutamente nada no apartado económico, sobre indicadores de transparencia en ingresos, gastos e débedas; nin sobre a conta xeral, informes de auditoría e fiscalización”.