Monforte, 16 de febreiro de 2023. O alcalde de Monforte, o socialista José Tomé, ten demostrado que o goberno que preside sempre chega tarde e mal á solución dos problemas que afectan aos monfortinos. Os exemplos son numerosos ao longo do mandato, sinala a portavoz popular, Katy Varela, que anuncia a presentación dunha nova iniciativa nas próxima sesión plenaria para instar ao goberno municipal a adoptar as medidas precisas para mellorar o campo da feira e, especialmente, a renovar o pavimento do acceso ao punto limpo.
Varela explica: “A pesar da iniciativa levada ao pleno hai meses para a mellora do estado do campo da feira, case un ano despois a situación segue sendo a mesma ou peor”. A portavoz popular describe así o estado do recinto e o das construcións que alberga: “As naves seguen en estado de abandono; algunhas delas están practicamente en ruína e, aínda así, calquera pode acceder a elas, co conseguinte risco para a súa integridade física. O Concello sigue a utilizar este recinto como depósito de mobiliario urbano deteriorado e grava miúda”.
Os populares din que o pavimento dentro do campo da feira está totalmente deteriorado, o que resulta especialmente molesto porque é o acceso ao punto limpo de Monforte. Varela indica: “Hai fochancas profundas que dificultan a circulación dos vehículos dos veciños que levan alí os obxectos dos que se queren desfacer”. Di que “para o Partido Popular é unha prioridade a rehabilitación e impulso do recinto, sobre todo mellorar a imaxe da entrada do punto limpo”.