Partido Popular de Lugo

O PP de Ribas de Sil súmase aos veciños e urxe ao goberno local a reparar e ofrecer seguridade no tramo afundido da estrada da rúa Deputación

Ribas de Sil, 15 de febreiro de 2023. O PP de Ribas de Sil súmase aos veciños e veciñas en urxir ao goberno local a reparar con seguridade a estrada da rúa Deputación nun tramo que presenta afundimentos e varios buratos que supoñen un risco para os usuarios.

A zona coincide cun paso inferior dedicado á canalización de augas. O presidente da xestora do PP local e candidato á alcaldía, Jose Rodríguez, advirte da existencia de “danos no interior dese túnel”. O popular sinala tamén que “xa pasou algo similar fai dous anos e nese momento cubriuse o túnel con formigón, pero agora volve pasar demostrando que non era a solución”. Por iso, esixe “unha reparación que garanta a seguridade na estrada”.

Rodríguez traslada a súa preocupación pola situación da zona tendo en conta que se trata dunha estrada moi transitada. De feito, explica que “cando pecha o paso a nivel, os vehículos pasan por esa rúa que conecta con San Román”.

O popular considera que “un goberno local debe facer as xestións necesarias para resolver os problemas dos veciños o máis rápido posible”. E engade que “con máis urxencia neste caso cando se trata dun problema para a seguridade viaria nunha estrada da súa titularidade”.