Partido Popular de Lugo

Vázquez: «A falta de presuposto municipal e a nefasta xestión económica do goberno socialista prexudica aos maiores e ao rural de Vilalba»

Vilalba, 13 de febreiro de 2023. A voceira do Grupo Municipal do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, manifestou tralo pleno extraordinario deste luns convocado polo goberno socialista para aprobar unha nova modificación presupostaria a súa preocupación pola mala xestión do equipo de goberno do PSOE incidindo na importancia de aprobar cada ano o presuposto municipal porque, neste caso, “a súa falta, prexudica aos maiores e ao rural”.

A popular incidiu en que “o Partido Popular concorda no incremento da partida para a atención ás persoas maiores na prestación do servizo de asistencia a domicilio. Querémolo deixar moi claro”, remarcou para continuar a explicar que “o goberno local quita 277.000 euros á partida de mellora e conservación de pistas, a pesar de que fai un mes alardeaban do investimento en vías, para dirixilos ao SAF”. Nese sentido, lamenta que “o goberno do PSOE pretenda tapar un furado destapando outro” tras acordar, co apoio de Vilalba Aberta, “reducir a partida dirixida a mellora de vías para poder incrementar a dirixida ao SAF, cando o PP propuxo unha alternativa que non prexudicase a ningunha das dúas”.

Tendo en conta que “o PP tamén aposta por unha mellora das vías municipais de todo o concello”, plantexaba unha alternativa que o goberno local rexeitou: botar man dos remanentes do Concello -que, a finais do último mandato do PP, alcanzaba os 4 millóns de euros- “para a partida de asistencia social primaria de forma que se evitara prexudicar a uns e outros”. Pero, “ante a falta de aprobación da conta xeral anual debido á nefasta xestión socialista, o Concello non pode incorporar remanentes”.

“Fronte ás declaracións que ten manifestado a voceira do goberno noutras ocasións sobre a inutilidade de aprobar presupostos, que non son importantes e que incluso son unha entelequia”; Vázquez incidiu en que “si é importante aprobar unhas contas actualizadas para resolver os problemas dos cidadáns e para evitar situacións coma esta de quitar dun sitio para poñer noutro”. A súa importancia tamén queda de manifesto ao ter que levar a un pleno modificacións das partidas presupostarias. “Esquecen que sendo un goberno en minoría precisan do apoio do socio de investidura, Vilalba Aberta, ou do Partido Popular”. Polo tanto, “miren se é necesario o presuposto que teñen que contar cos grupos da oposición”, declarou Vázquez.

NEFASTA XESTIÓN SOCIALISTA

Ao longo do pleno, a voceira popular e candidata á alcaldía remarcou en diversas ocasións a mala xestión do actual goberno socialista: ademais da incapacidade para aprobar un orzamento municipal; citou o control que exercen sobre a capacidade de expresión da oposición, os ollos pechados para os contratos prorrogados, contratos irregulares, contratos nulos, fraccionados e facturas sen contrato que supoñen reparos de intervención. “Incluso gastan vostedes máis en xuízos que en algunha subvención nominativa a calquera asociación vilalbesa”.

Os populares tamén lembraron que “antes o Concello dirixía ás festas patronais de San Ramón e Santa María 80.000 euros e agora, 209.000 euros, que o goberno local aínda ten que explicar de onde os vai sacar”.