Partido Popular de Lugo

Teddy López Pedredo, elixido candidato do PP á alcaldía da Pobra do Brollón, comprométese a apoiar decididamente ao sector primario dende o Concello

A Pobra do Brollón,  11 de febreiro de 2023. O empresario Teddy López Pedredo será o candidato do Partido Popular á alcaldía da Pobra do Brollón. A designación do candidato foi dada a coñecer nunha reunión do partido celebrada no restaurante Primeiro de Maio, nun acto ao que asistiron representantes da dirección provincial popular, entre eles o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, e o coordinador xeral e portavoz provincial, José Manuel Balseiro; e no que tamén participaron alcaldes e portavoces da comarca, así como senadores e deputados autonómicos.

O candidato, que é presidente da xunta xestora do PP local, sinala que, en canto ao que é a relación cos veciños, manterá un continuo proceso de escoita activa, para coñecer os problemas e ás súas inquedanzas, e aplicar a xestión correspondente para atender á veciñanza. Por outro lado, destaca que fomentará a participación, de maneira que o goberno municipal sexa o goberno de todos. Indica que, se chega á alcaldía, fará que o Concello da Pobra do Brollón sexa realmente transparente, e que os veciños teñan información actualizada e clara da xestión municipal.

En canto ás grandes liñas de xestión do que será o seu traballo se é alcalde, destaca que entre as prioridades ten a de recuperar o servizo de extinción de incendios, que non existe. E nesta liña de protexer aos veciños fronte aos incendios forestais, destaca a necesidade de impulsar a limpeza das áreas de seguridade entorno aos núcleos de poboación.

Para López Pedredo, dende o Concello hai que traballar no promoción e impulso “do sector forestal, como fonte de riqueza e vinculalo á creación de emprego”. Igualmente, resalta a importancia do sector primario, en canto se refire ás explotacións gandeiras, avícolas e cunícolas. “Temos que potenciar o que temos e mirar de atraer novas empresas, ofrecendo facilidade para a súa implantación”, sinala o candidato popular, “porque só creando riqueza, postos de traballo e ofrecendo servizos se pode frear o despoboamento do rural”.

No plan de traballo de Teddy López teñen un lugar moi destacado as vías que vertebran o concello, de maneira que, segundo sinala, é preciso instar ás administracións competentes a mantelas nas debidas condicións; no caso das de titularidade municipal, asegura que é preciso melloralas, entre outras cousas, para acometer o necesario desbroce das beiras e a limpeza das cunetas.

Por outro lado, Teddy López di que hai que avanzar na mellora dos servizos que presta o Concello, entre eles e de maneira especial, dos servizos sociais; neste último caso, apunta tamén a súa disposición a mellorar as condicións nas que desempeñan as súas funcións as traballadoras.

A dirección provincia do PP sinala: “No PP aspiramos a gobernar na Pobra do Brollón na próxima lexislatura. O PP xa gobernou este concello durante anos e, dende entón, nos último 12 anos este municipio non deixou de perder poboación e servizos”. Os responsables provinciais do PP indican que “hai outra forma de facer as cousas e xestionar os intereses públicos moito mellor, e esperamos que os veciños nos dean a confianza que nos deron durante moito tempo”.