Partido Popular de Lugo

Óscar Fernández, nomeado presidente da xestora do PP de Meira

Meira, 7 de febreiro de 2023. O empresario e enxeñeiro Óscar Fernández Fernández foi nomeado presidente da xestora do PP de Meira. A dirección provincial reforza deste xeito a agrupación local do partido para chegar máis forte ás eleccións municipais do 2023 e destaca “a importancia de incorporar xente nova ao proxecto do Partido Popular da nosa provincia”.

Óscar Fernández, de 44 anos, é enxeñeiro agrónomo e xerente dunha empresa de enxeñería que suma doce anos prestando servizos de topografía, realización de proxectos e tramitacións de axudas gandeiras na localidade.

O novo responsable da formación popular no municipio defende que “hai poñer a nosa vila en funcionamento” porque “agora mesmo está parada”. Fernández sinala que “Meira é cabeceira de comarca e, como tal, debería ter maior dinamismo”. Nese sentido, expresa a súa vontade de “confeccionar un equipo que ilusione cun grupo de persoas con ganas de traballar por Meira e de elaborar un proxecto de desenvolvemento para o noso concello”.

A dirección provincial amosa o seu apoio á agrupación local e ao novo presidente da xestora do PP de cara a conformación dun equipo que terá como obxectivo o de recuperar a alcaldía nun municipio que, exceptuando doce anos, sempre estivo gobernado polo Partido Popular. “Cremos que hai outra forma de facer política, unha forma distinta de facer as cousas en Meira, que é un municipio con grandes posibilidades de crecemento”, sinalan.

O PP provincial recoñece “o compromiso e implicación de todos os que representan ao partido nos distintos concellos da provincia”. Neste caso, subliña “o traballo de todo o equipo do PP de Meira encabezado polo voceiro municipal, Carlos Veiga, que recentemente comunicaba a súa decisión de non repetir como candidato”.