Partido Popular de Lugo

O PP faise eco das queixas dos veciños de Palas de Rei afectados polo pésimo estado da LU-P 4004 e insta a Tomé a xestionar a urxente reparación desta vía

Lugo, 7 de febreiro de 2023. Unha gran parte da ampla rede de estradas provinciais presenta notables deficiencias, que inciden negativamente na calidade de vida dos veciños e, de maneira moi especial, na seguridade vial. Unha das estradas que precisa atención con urxencia debido ao seu pésimo estado é a LU-P 4004 no municipio de Palas. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Se algo temos claro no grupo provincial do PP cando percorremos a provincia e que os veciños de Lugo identifican á Deputación polas súas estradas; polo tanto, se as estradas están mal, a Deputación está mal xestionada. É así porque as estradas provinciais son unha competencia propia da Deputación”. Explica: “Chamáronnos veciños de Palas de Rei que sofren o mal e estado da vía LU-P 4004, unha estrada que os comunica co centro urbano e con outros concellos e na que, cando circulan por ela, teñen que andar esquivando as fochancas”.

En Palas, di Castiñeira, “están moi preocupados porque na Deputación non lles fan caso; hai varios anos que lles prometeron que se arranxaría esta estrada, pero cada vez está peor”. O portavoz popular destaca que “o máis preocupante é a seguridade dos veciños, que nos din que hai puntos nos que teñen que meterse no carril contrario para librar das fochancas”. Indica que “por esta estrada circulan, ademais de máquinas agrícolas, vehículos pesados, como os camións do leite, que teñen que convivir co tráfico particular, é dicir, cos coches dos veciños que van traballar, que levan aos fillos ao colexio, van á compra, etcétera, que en ocasión vense en situacións difíciles”.

Castiñeira insta ao goberno da Deputación de Lugo “a que canto antes escoite a estes veciños”, e para que o faga “o PP levará ao próximo pleno unha iniciativa, porque non é lóxico que dende o goberno provincial digan que queren promover a vida no rural, que queren coidar o territorio, e o bipartito provincial non coide servizos básicos para os veciños, entre eles, os de comunicación e mobilidade, que iso é o que son as estradas provinciais, que teñen que ser melloradas”.

Os populares indican que outros presidentes da Deputación, no seu día, déronse conta de que a xestión da Deputación xúlgase polo estado da súa rede de estradas. Castiñeira lembra “que a Deputación ten a rede provincial de estradas máis ampla de España, con máis de 4.000 quilómetros e  é necesario que teña un bo mantemento; é algo que non entenden os gobernos bipartitos e, máis concretamente, é o que non entende o presidente Tomé: ten as competencias de Vías e Obras  e sufrímolo todos os veciños da provincia”.

Risco de incomunicación das explotacións gandeiras

Pola súa parte, o alcalde de Palas e deputado provincial, Pablo Taboada, destacou o malestar dos veciños de Berbetouros, Mosteiro e Cubelo, en síntese, da zona máis gandeira do municipio. Sinalou: “Esta estrada parte de Palas de Rei e pasa por diferentes parroquias do concello. O estado de abandono é evidente, máis destacable aínda porque esta vía tivo varios amaños nos últimos anos e está en estado pésimo. Tememos que en calquera momento os camións para servizo das explotacións gandeiras teñan dificultades para pasar cos subministros; os dos camións do leite expresan cada día as súas queixas no Concello”. Á vista do estado no que se atopa a LU-P 4004, cre que “está claro que o goberno bipartito (PSOE-BNG) ten esquecida esta importante vía de comunicación; a situación é lamentable e tememos que en calquera momento quedemos sen servizo e, as nosas explotacións,  incomunicadas”.