Partido Popular de Lugo

O popular Raúl Pérez Álava intentará conseguir a alcaldía de Navia de Suarna para devolver ao municipio o esplendor que tivo e que perdeu cos gobernos socialistas

Navia de Suarna,  5 de febreiro de 2023. O presidente da xunta xestora do PP de Navia, Raúl Pérez Álava, será o candidato popular a alcaldía destemunicipio. O aspirante a presidir a corporación municipal naviega ten 41 anos, está casado, é pai dun fillo e dedícase á gandería. Asume a súa designación para encabezar a lista do PP con toda responsabilidade, co compromiso de traballar intensamente para conseguir a alcaldía e para, dende ela, servir con dedicación, eficacia e humildadeaos intereses dos veciños de Navia. Ofrece practicar unha permanente escoita activa e buscar a participación dos veciños para, coa forza da unión, superar as moitas carencias que ten este municipio. Fixar poboación, con todo o que iso require en canto á mellora de infraestruturas e servizos, é unha das súas prioridades, xunto coa ampliación e mellor funcionamento dos servizos sociais. Ao acto de presentación do candidato asistiu unha representación da dirección provincial do PP.

Pérez Álava sinala: “Un municipio de montaña como é o de Navia pode resultar atractivo como lugar de residencia para moita xente. Pero, para que sexa así, hai que crear as condicións adecuadas. Por exemplo, é fundamental conseguir que funcionen debidamente as telecomunicacións, porque se non se pode teletraballar non resulta fácil que sexa un sitio atractivo para vivir”. E tamén “hai que mellorar a rede de estradas, que son fundamentais para que a xente se anime a vivir aquí”.

O candidato popular á alcaldía di que dende o Concello hai que dar facilidades a todos aqueles que queiran emprender un negocio, a todos aqueles que teñen unha empresa en Navia. El ten a experiencia de todas as dificultades que tivo que superar para arrancar como gandeiro. “O Concello pode facer moitas cousas, por un lado en todo aquelo que depende del directamente, pero tamén facilitando información e acompañamento para superar trámites”, sinala Raúl Pérez.

Para o aspirante polo PP á alcaldía a ampliación e mellora dos servizos sociais é outra liña fundamental de traballo a seguir, porque as características do territorio e da poboación así o demandan.

Pérez di que a súa actitude, o mesmo como candidato que, se, como espera, chega á alcaldía, será sempre de disposición plena ao servizo dos veciños, de escoita dos seus problemas e necesidades para resolvelas, directamente se entran nas competencias municipais, ou para xestionar solucións diante das administración correspondentes.

Entre os representantes da dirección provincial do PP que asistiron ao acto de presentación do candidato estivo o coordinador provincial e portavoz, o deputado autonómico José Manuel Balseiro, que destacou que os populares aspiran a gobernar en Navia, municipio no que se presentan “cun proxecto renovado”. Balseiro sinalou: “Navia nos últimos anos perdeu poboación e servizos; hai que procurar asentar poboación” Balseiro adiantou que o PP traballará “para que Navia recupere o esplendor que tivo e que perdeu cos gobernos socialistas”.