Partido Popular de Lugo

O PP de Samos reclama a reparación do intransitable Camiño do Couso, que comunica Gosende con Zoó

Samos, 03 de febreiro  de 2023. O bo estado de camiños, pistas e estradas é imprescindible para fixar poboación e para facilitar o día a día aos veciños. Así o sinala o portavoz popular en Samos, José Fernández, que lamenta que tanto as vías municipais como as provinciais ao seu paso por este municipio non reúnan as condicións adecuadas, como -lembra- denuncia reiteradamente. Neste caso, Fernández centra a súa atención no chamado Camiño do Couso, unha vía que, despois da última tempada de choivas, quedou intransitable nalgúns tramos. Para instar ao goberno local a mellorar esta pista, Fernández anuncia que presentará unha iniciativa na próxima sesión plenaria.

O Camiño do Couso sirve a Gosende e Fontearcuda, na parroquia de Lousada; tamén á parroquia de Montán, comunica con Zoó e sae cara San Xil. Fernández dá voz aos veciños de Gosende, que se queixan do pésimo estado no que se atopa esta vía e critican a falta de interese do alcalde de Samos, o socialista Julio Gallego, para resolver este problema.

O portavoz popular insta a Gallego a adoptar canto antes as medidas necesarias para amañar o Camiño do Couso, que é unha vía que constitúe un servizo importante para os residentes nos núcleos antes citados.