Partido Popular de Lugo

O Parlamento galego pide ao Goberno central a mellora integral da N-120 e que reactive as obras de construción da A-76

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023. O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que acometa a reparación urxente da N-120, de tal xeito que se avance na mellora integral da vía (incluída a implantación de terceiros carrís de adiantamento) e se reduzan os riscos para a seguridade viaria que presenta neste momento debido ao deterioro do seu firme e á falta de funcionalidade. Así mesmo, pídese que se reactive as obras de construción e posta en servizo da A-76, como itinerario alternativo para a mellora da comunicación e vertebración das provincias de Lugo e de Ourense e destas coa Meseta.

A deputada popular Raquel Arias sinalou que a N-120 “é unha estrada estratéxica e sen alternativa pola que circulan a diario máis de 8.000 vehículos, segundo os datos do Ministerio de Transportes, e cunha vía alternativa, a autovía A-76, prevista desde hai 18 anos e da que aínda non está feito nin un só quilómetro”.

DILIXENCIA NA REDACCIÓN E EXECUCIÓN DO PROXECTO ANUNCIADO

“Vivimos unha situación intolerable que pon de manifesto, unha vez máis, o abandono en que ten o Goberno de Pedro Sánchez a Galicia e o mantemento das infraestruturas da súa competencia”, lamentou.

Raquel Arias explicou que a N-120 é unha estrada que a diario teñen que empregar milleiros de veciños da comarca de Valdeorras para achegarse á capital da provincia, así como o tráfico pesado desta comarca cara ao porto de Vigo ou Portugal”. “O lamentable estado desta vía tamén prexudica aos veciños das comarcas lucenses de Quiroga e Lemos, con fortes vencellos laborais, comerciais e lúdicos con Ourense”, apuntou.

Neste sentido, saudou que o Ministerio de Transportes anunciara a redacción dun proxecto de mellora integral da N-120, ante o que demandou que “sexan máis dilixentes que coa redacción e a execución do proxecto de trazado do terceiro carril, que se deu a coñecer no mes de xaneiro logo de máis de 60 meses de espera”.