Partido Popular de Lugo

O PP insta ao Goberno central dende Palas a garantir as condicións e os fondos europeos precisos para a instalación do complexo industrial de Altri

Palas de Rei,  2 de febreiro de 2023. Senadores do PP por Lugo mantiveron unha reunión en Palas de Rei con alcaldes e portavoces populares na comarca para abordar cuestións relacionadas coa implantación da fábrica de fibras téxtiles que promove Altri neste municipio lucense, e, sinaladamente, para reclamar, unha vez máis,  un compromiso claro do Goberno, presidido por Pedro Sánchez, con este proxecto fundamental para Lugo e para Galicia. Na reunión, celebrada en Palas, púxose de manifesto que o Goberno ten que facilitar o encaixe do proxecto nos PERTE e dotar as partidas que permitan captar os fondos necesarios para asegurar a viabilidade do proxecto. Igualmente, os populares entenden que o Goberno ten que clarificar a apertura das distintas liñas de apoio para conservar o efecto incentivador. Tamén debe impulsar a modificación da actual planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica, para proporcionar a subministración eléctrica necesaria. Igualmente, o Executivo central debe manter a interlocución con Altri para que a empresa poida identificar claramente os apoios ao investimento.

Pola súa parte, José Manuel Barreiro informou da pregunta para resposta por escrito que presentaron ao Goberno os senadores por Lugo para coñecer o nivel de compromiso co proxecto de Altri. Nesta iniciativa, os populares lembran que “recentemente o delegado do Goberno en Galicia lamentaba que a multinacional Altri elixise a localidade lucense de Palas de Rei en lugar da provincia da Coruña”. Queren saber en primeiro lugar se “comparte o Goberno esa opinión?”. En todo caso, os senadores preguntan “cal é a posición e os prazos que manexa o Goberno respecto a esta industria vital para a provincia de Lugo?”. Barreiro sinala que do que se trata é de coñecer “se realmente por parte do Goberno hai un compromiso firme de apoio financeiro mediante fondos europeos ao proxecto de Altri para Palas e, como consecuencia, para todo o que suporá para esta provincia e para Galicia”. Destaca que no mes en curso levarase a cabo a auditoría de execución dos fondos europeos “e non sabemos nada”. En síntese, os populares queren saber “que fixo o goberno e que vai facer para apoiar o proxecto de Altri en Palas de Rei”.

Pola súa parte, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, deixou claro que “o tempo aprema” e ten que haber sen máis demora compromisos firmes por parte do Goberno de España. “É necesario un pronunciamento claro, definitivo, por parte do Goberno central”, explicou Taboada. Engadiu que “xa é un clamor popular que este proxecto precisa un encauzamento con fondos europeos”. O alcalde de Palas destacou a necesidade “de estar todos a unha para conseguir este proxecto fundamental para Galicia”.

Os populares lembran que o proxecto de fábrica de fibras téxtiles sostibles é un complexo industrial centrado na elaboración deste tipo de material de orixe vexetal,  que a empresa portuguesa ALTRI ten previsto desenvolver en Palas de Rei (Lugo). Resaltan que é un proxecto pioneiro a nivel internacional e totalmente aliñado cos eixos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Contará cunha capacidade instalada de 200.000 Tn/ano, equivalente ao 3% da produción mundial.

Para axilizar a tramitación administrativa o pasado 29 de decembro de 2022 o Consello da Xunta declarou esta iniciativa Proxecto Industrial Estratéxico, que reduce á metade os prazos de tramitación e permitirá a concesión directa da licenza de obra por parte da Xunta de Galicia.

Nas distintas reunións mantidas, a empresa traslada que non identifica como se poderían atender as necesidades reais do proxecto no seu conxunto. Ata o de agora, a solución que se lle ofrece é presentarse a todas as convocatorias nas que o proxecto sería elixible, aínda que nalgunhas teña escasas posibilidades de éxito e sen garantir o obxectivo de apoio público necesario para a súa posta en marcha. Ademais indican que en Portugal os grandes proxectos non teñen que “partirse” para poder optar axudas públicas.

A empresa sinalou o primeiro semestre de 2023 como a data límite para a toma de decisión. Debido á necesidade de cumprir co efecto incentivador nas axudas, estas deben de presentarse antes da toma de decisión. A falta de datas sobre a apertura de convocatorias dificulta, adicionalmente, a elaboración dun cronograma.

Características As principais magnitudes do proxecto son: Investimento de 800M€; creación de 2.500 empregos (directos e indirectos) e ata 10.000 empregos durante o proceso de construción. Precisará de entre 0,9M-1,4M m3 de madeira certificada, preferentemente eucalipto de orixe certificada, poñendo en valor activos ociosos do monte galego. Dará unha segunda vida a certos residuos, como o téxtil, pechando o ciclo produtivo do sector.  A empresa contempla ter a planta operativa en 2026, para o que é necesario contar coa necesaria infraestrutura eléctrica para o funcionamento da planta. Iso require a modificación da actual planificación da rede de transporte 2021-2026 por parte do Goberno central.