Partido Popular de Lugo

O PP de Samos di que a saída dun coche na LU-P 5603 demostra a urxencia de instalar quitamedos nas  curvas perigosas das estradas provinciais ao seu paso polo concello

Samos, 01 de febreiro de 2023. As estradas provinciais no municipio de Samos precisan melloras de todo tipo, e moi especialmente no que atinxe á seguridade. Os portavoces populares na Deputación, Javier Castiñeira, e no Concello de Samos, José Fernández, denunciaron no seu momento estas carencias en distintas vías dependentes da Deputación. Nunha delas avisaban do risco de saída de vehículos nalgunhas curvas especialmente perigosas, e, lamentablemente, o tempo deu a razón aos citados representantes populares. Na estrada LU-P 5603 de Aira Padrón a Praducelo por Ponte Lóuzara, un vehículo saíuse días pasados na chamada Ladera de Chaos, e as consecuencias non foron moi graves porque o coche topou cunha árbore, que freo a súa caída polo barranco.

José Fernández lembra que en agosto do ano pasado avisou: “No caso da LU-P 5603, que vai de Samos ao Courel, os veciños piden a instalación de gardarraíles, biondas, nos bordes da estrada, alí onde hai grandes desniveis, especialmente onde é frecuente que en inverno haxa xeo”.

O portavoz local do PP, e deputado provincial, destaca que o presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo de Vías e Obras, fixo caso omiso do aviso e non adoptou medida algunha para mellorar a seguridade na citada estrada e noutras que son de titularidade provincial e teñen as mesmas carencias. Fernández di: “Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais, pero o aviso é contundente. Espero que o presidente da Deputación se poña mans a obra para dotar de quitamedos as estradas provinciais nos puntos máis perigosos”.