Partido Popular de Lugo

O PP espera que PSOE e BNG defendan os intereses da provincia fronte a Sánchez, que está afogando á provincia, e apoien as súas mocións para mellorar estradas e reducir o IVE da carne e do peixe

Lugo, 31 de xaneiro de 2023. Os populares presentan no pleno que hoxe celebra a Deputación sendas mocións en defensa dos intereses da provincia fronte ao abandono ao que o Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez, somete a Lugo. A mellora das vías nacionais e a inclusión no IVE reducido da carne e do peixe son os obxectivos que busca o PP coas mocións que hoxe defende, e para as que espera conseguir o apoio do PSOE e do BNG. Así o indica o portavoz popular, Javier castiñeira, que di que xa é hora de que o goberno provincial demostre que está disposto a traballar polos intereses de Lugo antes que polos intereses de Pedro Sánchez. Os populares critican con dureza ao delegado do Goberno, José Miñones, que na súa recente visita á provincia foi incapaz de aclarar as causas do afundimento da N-642 en A Mariña e tampouco deu a coñecer o cronograma para solucionar o problema.

Á entrada no salón de sesión, Castiñeira sinalou: “Lamentablemente para os lucenses e moi a pesar do PP, temos que empezar os plenos do ano 2023 igual que rematamos o 2022: denunciando nesta Cámara, que é moi representativa da provincia, o seu absoluto abandono por parte do Goberno presidido por Pedro Sánchez. Un abandono que se viu coa crise enerxética que está afogando á nosa provincia, facendo menos competitivas ás nosas empresas e facendo a vida cada vez máis difícil a todos os lucenses”.

Para os populares, unha proba do abandono que denuncia “é que o Goberno deixou fóra do IVE reducido a carne e o peixe e por iso hoxe defendemos unha moción para que a Deputación esixa a súa incorporación a este grupo de produtos”.

Castiñeira manifestou: “Outra proba é o moi deficiente estado da rede viaria nacional e da mobilidade na nosa provincia. O exemplo máis recente é a N-642, na que un gran socavón provocou o corte desta estrada, que é a principal da Mariña. Os primeiros días usáronse como alternativas vías perigosas, nas que para tramos que leva cinco minutos recorrer pola nacional cortada esixía máis de 80 minutos polo desvío. E todo cunha falta total de respostas sobre cal foi a causa e sobre o cronograma para resolver o problema, posto que a día de hoxe nesta estrada, que soporta entre 10.000 e 15.000 vehículos, está operativo un só carril, o que provoca retrasos medios de 15 minutos”.

Para os populares, “as vías nacionais son un absoluto desastre dende que goberna Pedro Sánchez”. Destacan: “Hai retrasos nos investimentos nas autovías: na A-54 e na A-74, da que nada sabemos; tampouco sabemos nada da autovía Lugo-Ourense, ou das do sur (A-72 e A-76); hai abandono total das autovías A-8 e A-6, con bacheos que son insuficientes e perigosos; e que dicir do estado das nacionais 120 e 540”.

O portavoz popular conclúe: “Lamentablemente o Goberno central está sendo moi nocivo para a provincia de Lugo. E o peor é que os representantes do Goberno aquí, o Partido Socialista apoiado polo BNG, seguen protexendo ao Goberno de Pedro Sánchez por intereses políticos. E así chegamos ao abandono que sofre a provincia por parte do Goberno, mentres socialistas e nacionalistas están máis preocupados por manter a Sánchez na presidencia, co apoio dos independentistas vascos e cataláns. Así Galicia leva tres anos abandonada, sen que ninguén no goberno da Deputación de Lugo diga nada”.