Partido Popular de Lugo

O PP de Foz reclama a Cajoto que elimine as prazas de aparcadoiro en batería en Limoeiros e que as ordene en liña

Foz, 30 de xaneiro de 2023. As decisións que se toman á fronte das institucións poden ser, como en todo na vida, acertadas ou desacertadas. Cando se cometen erros, repercuten na calidade de vida dos veciños e, polo tanto, hai que corrixir acertadamente o decidido. Sempre é necesario practicar a escoita activa. Como o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, é incapaz de corrixir os seus erros, porque non escoita nin aos veciños nin ao PP, logrou crear considerables inconvenientes aos residentes na Rúa Limoeiros, como destaca o portavoz popular, Javier Castiñeira. Sinala: “Desgraciadamente o señor Cajoto volve facer o ridículo por non escoitar aos veciños nin ao Partido Popular. Esta vez na Rúa Limoeiros, na que os veciños e o PP (no pleno) denunciamos que a nova estrutura dos aparcadoiros, en batería, nunha vía con espazo de circulación moi estreito, impedía que os veciños puideran estacionar”. Engade: “Diciamos que os aparcadoiros resultaban moi incómodos para os outros vehículos que circulan pola vía porque para aparcar teñen que pasar por riba da beirarrúa. Como o señor alcalde non fai caso de ninguén e a súa tozudez o leva a ter despois solucións verdadeiramente caóticas e ridículas, temos que denuncialo, porque son perigosas”.

Castiñeira explica: “Neste caso, o alcalde puxo uns módulos de formigón nas prazas diante das entradas dos garaxes aos que a xente chama obxectos terrestres non identificados, porque non sabe para que son; ademais son perigosos, porque de noite non se ven e é fácil que quen aparque acabe danando o coche”. O portavoz popular di que “a solución é a que lle dixo o PP, á que lle dixeron os veciños: que elimine as prazas en batería e que as poña en liña, co que conseguirá unha zona viaria moito máis ampla e os aparcadoiros serán de moito máis calidade, que é do que se trata, máis que de cantidade, porque ao lado está aparcadoiros públicos”. Por certo, estes últimos “están cheos de escombro, dende o verán; moitos deles chegan ás traseiras das casas”. Javier Castiñeira lanza unha mensaxe moi clara ao alcalde: “Señor Cajoto escoite máis aos veciños e ao PP e déixese de solucións estrañas. A solución desta rúa e  poñer os aparcadoiros en liña e facer así que a zona de circulación desta vía sexa máis ancha que actualmente”.