Partido Popular de Lugo

Óscar Fernández Gómez, candidato do PP á alcaldía de Cervantes encabeza «un proxecto renovado para construír un Concello mellor para todos os veciños»

Cervantes, 29 de xaneiro de 2023. Óscar Fernández Gómez é o candidato do Partido Popular á alcaldía de Cervantes. Así o anunciaron os populares nun encontro con numerosos afiliados e veciños do municipio ao que asistiron tamén a presidenta do PP lucense, Elena Candia; o coordinador e portavoz, José Manuel Balseiro; a deputada natural de Cervantes, Encarna Amigo; entre outros deputados autonómicos, alcaldes, portavoces e representantes do PP da zona da Montaña e dos Ancares.

Fernández Gómez, de 36 anos de idade e técnico superior en xestión dos recursos naturais, é veciño de San Pedro de Cervantes moi coñecido no municipio e presidente da xestora do PP local.

“Cervantes merece e precisa un goberno renovado, con ilusión, con capacidade de xestión e con políticas de apoio e atención aos veciños e veciñas dirixidas a fomentar que a xente nova se asente no municipio e atender nas súas casas aos nosos maiores, aos que tanto lles debemos. E iso é o que ofrece o Partido Popular, a alternativa a un goberno local totalmente desgastado”, sinalou o candidato popular.

O candidato á alcaldía, moi agradecido pola asistencia e o apoio recibido por parte de veciños e afiliados, trasladoulles o seu “compromiso de traballo por Cervantes” acompañado dunha candidatura “renovada, preparada e implicada co noso concello, coas necesidades dos nosos veciños e con ganas de defender o noso territorio” porque “o corazón dos Ancares late con forza”.

Óscar Fernández sinalou que “o noso proxecto, porque é un proxecto que ten en conta a todos os veciños, se basea en escoitar as súas necesidades para darlles resposta dende o goberno municipal”. É por iso polo que “queremos involucrar aos veciños e veciñas neste proxecto que ten como obxectivo construír un concello mellor para todos”.

Así mesmo, nomeou tamén que “queremos ofrecer un goberno que informe aos veciños sobre iniciativas doutras administracións que lles poidan resultar de interese; pero, sobre todo, que os apoie dende as competencias que son propias do Concello”. Nesa liña, citou a modo de exemplo “o apoio ás asociacións que, dende fai anos, son as que están a promover iniciativas no ámbito da cultura e o turismo, principalmente”.

CANDIDATO NOVO, CON FORMACIÓN E ILUSIÓN

A dirección provincial traslada o seu apoio a Óscar Fernández Gómez, “un candidato novo, con formación e con ilusión por Cervantes” e ao seu equipo para “traballar unidos e conseguir o apoio dos veciños e veciñas para conseguir a alcaldía deste Concello que, despois de tantos anos en mans dos socialistas, perdeu servizos e poboación”.

“O actual goberno é un proxecto acabado. É o momento de dar paso a unha nova ilusión”, manifestou Candia. Na mesma liña, Balseiro subliñou que “o proxecto do Partido Popular é a alternativa ao actual goberno local no que a xestión brilla pola súa ausencia”.