Vilalba, 27 de xaneiro de 2023. A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba e candidata á alcaldía, Sandra Vázquez, considera que “o goberno do PSOE está máis preocupado pola campaña, facendo oposición á oposición, que en atender as necesidades dos vilalbeses. É un goberno sen iniciativas nin proxecto de futuro para Vilalba como demostran ao responder sen concreción ás preguntas formuladas”. Así o expresou tralo pleno deste xoves ao que “o grupo popular presentou 15 asuntos – 12 pola vía ordinaria e 3 pola vía de urxencia-; mentres que o grupo de goberno, o PSOE, só levou 1”.
Vázquez entende que “ao goberno local lle molesta que o PP leve iniciativas -tanto facendo propostas coma fiscalizando a labor do goberno municipal- porque en lugar de debater e responder aos asuntos plantexados durante a sesión plenaria dedícanse a criticar aos concelleiros do grupo popular a nivel persoal e, o que é peor no marco da actividade municipal en democracia, a cuestionar os temas que propoñemos en cada pleno en defensa dos intereses de Vilalba e dos vilalbeses”.
A popular censura tamén que “ao goberno do PSOE lle da igual o rural e non ten previsión de poñer en marcha un plan completo para atallar os problemas das parroquias. Converteron a nosa moción nun rogo para evitar ter que votala e, incluso durante o debate, esqueceron falar de abastecemento, de apoiar o arranxo das casa escolas das parroquias, da mellora da sinalización das parroquias porque agora parece que hai parroquias de primeira e outras de segunda nin tampouco sobre a recuperación do programa de dinamización social O Rural Máis Vivo”.
Vázquez subliña que “o rural son máis que pistas” en referencia ás xustificacións do goberno local sobre o investimento dirixido a mellora de estradas municipais durante a que “esqueceron detallar o investimento que achegou a Xunta ou a Deputación ao Concello para estes traballos e cal correspondeu a fondos propios. En calquera caso, queda en evidencia a mala xestión do goberno socialista porque se os investimentos se dirixiran a onde se debería, non teriamos unha rede viaria municipal practicamente en estado de abandono como se pode apreciar visitando as nosas parroquias. O PP vilalbés é consciente de que non se pode chegar a todas as pistas e por iso apostamos polo rebacheo na época estival que permita garantir condicións de seguridade para os usuarios”, matiza a candidata do PP á alcaldía.
Achegamento de Vilalba Aberta co PSOE
Vázquez tamén condena que “Vilalba Aberta se posicione na mesma liña que o PSOE. En relación ao abandono do rural, tampouco falaron das distintas necesidades das parroquias; só se limitaron a recordar o acordo co grupo socialista para investir 800.000 euros en vías de distintas parroquias obviando que, preto dun ano despois está sen executar e que esqueceron sete parroquias, como se para eles non existiran”. Para a popular isto é “un claro achegamento ao PSOE de cara a posibles pactos tralas eleccións municipais do vindeiro mes de maio”.