Partido Popular de Lugo

Miguel Ángel Castro Alba repite na candidatura do PP de Pedrafita á alcaldía

Pedrafita do Cebreiro, 26 de xaneiro de 2023 Miguel Ángel Castro Alba repite como candidato á alcaldía de Pedrafita polo Partido Popular. A presentación do candidato tivo lugar nun encontro celebrado no Hostal Rebollal e nela participaron membros da dirección provincial encabezados polo coordinador xeral, José Manuel Balseiro Ourol, o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, así como afiliados e simpatizantes.

Desde a dirección provincial agradecen ao candidato o seu compromiso con Pedrafita e a ilusión que pon no proxecto. O coordinador xeral dos populares destaca que Pedrafita “é un municipio que leva 36 anos gobernando pola mesma persoa sen facer grandes avances no municipio e sen un proxecto sólido que axude ao éxodo dos seus veciños xa que nos últimos anos Pedrafita perdeu poboación e agora mesmo está por debaixo das mil persoas”. Neste sentido, Balseiro destaca a necesidade de “amosar unha forma distinta de goberno aos veciños e facer un cambio positivo a prol do municipio”

O candidato trasladou os seus agradecementos á dirección provincial polo apoio e a confianza depositada para “manter aos nosos votantes e gañar a confianza dos veciños e veciñas de Pedrafita”. Para Castro, a necesidade dun cambio no municipio é necesario e recalca que “temos un proxecto serio, centrado no noso territorio e que defende iniciativas para mellorar a calidade de vida dos veciños e dinamizar a actividade económica do noso concello”.

Castro trasladoulles os seus agradecementos por asistir á proclamación da súa candidatura. O obxectivo, para o popular, é volver a gañarse a confianza dos seus votantes e intentar dinamizar un cambio de rexistro político no municipio.