Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2023. A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, afirmou hoxe no Parlamento galego que a reforma estrutural da planta de urxencias pediátricas no Hospital Lucus Augusti de Lugo “suporán unha mellora clara para profesionais e usuarios, especialmente no que se refire á sala de espera de familiares e pacientes”.
Encarna Amigo explicou que estas obras permitirán “diferenciar claramente a urxencia pediátrica” do resto das urxencias médicas, para o que foi necesario realizar unha redistribución de espazos na área de salas de espera xerais e de pediatría, así como o acondicionamento dun espazo exterior cuberto anexo á área de urxencias pediátricas para a creación dunha nova sala de espera de pacientes pediátricos e familiares.
Ampliar a área de triaxe
Ademais, para implementar e mellorar o dobre circuíto no acceso de pacientes a urxencias, foi necesario ampliar a área de triaxe para implementar un segundo posto, así como dispor dunha sala de espera de pacientes que desde admisión acceden ao triaxe.
A portavoz popular apuntou que esta actuación nas urxencias pediátricas do HULA, que abarca unha superficie de case 500 metros cadrados, “desenvolvéronse en tres fases: unha xa está operativa, outra estarao nos vindeiros días e a última prevese o seu remate para finais do vindeiro mes de febreiro”.