Partido Popular de Lugo

O PP insta a socialistas e nacionalistas a aparcar as súas diferencias na Deputación para resolver as deficiencias do Museo provincial e negociar as demandas dos seus traballadores

Lugo, 25 de xaneiro de 2023. A xestión do Museo Provincial, dependente da Deputación, é facilmente mellorable, como se desprende de que o edificio ten goteiras e entre os seus traballadores reina o descontento por cuestións laborais, ata o punto de que algúns deles recorreron ao xulgado na defensa dos seus dereitos. As cuestións laborais dependen, no goberno bipartito da Deputación, do PSOE, en concreto de Pilar García Porto, mentres que a xestión do Museo, como tal , entra nas competencias da área de Cultura, que pilota a nacionalista Maite Ferreiro. O resultado da bicefalia na Deputación tradúcese, polo tanto, nun deficiente mantemento das instalacións (existencia de goteiras) e no desaproveitamento dos recursos humanos para facer do Museo un dos grandes atractivos de Lugo para o turismo. O deputado popular Óscar Poy insta a socialistas e nacionalistas a aparcar as súas diferencias e a traballar para promover o Museo, facer as melloras precisas no edificio e rescatar do esquecemento o proxecto de ampliación trazado durante a presidencia de Francisco Cacharro Pardo.

O deputado Poy sinala: “Algúns dos traballadores do Museo buscaron a protección do sindicato nacionalista CIG para a defensa dos seus intereses laborais, fronte as decisións da parte socialista do goberno da Deputación. Entre as cuestións que rexeitan é a organización das quendas de traballo, que inciden directamente no tempo en que o Museo permanece aberto ao longo da semana. O lamentable é que o Museo, pola súa deficiente xestión política a mans do Bloque, non xoga o relevante papel que debería xogar na vida cultural lucense nin como atractivo para o turismo, precisamente, para ese turismo cultural no que tan interesado di estar o BNG”.

Os populares, segundo sinala Óscar Poy, instan a socialistas e nacionalistas a poñerse de acordo, negociar as demandas dos traballadores en todas as facetas (quendas, seguridade, etcétera) e a promover debidamente o Museo. Poy di que “o que está claro é que o traballo de xestión e moi deficiente, porque o edificio ten goteiras que poderían chegar a afectar a algunhas das pezas expostas; é inaudito que se deixara chegar o deterioro da cuberta ata o actual extremo”. Poy destaca que o pouco interese do goberno provincial, dende que a presidencia está en mans socialistas, queda claro no feito de que deixa que colla mofo nun caixón o proxecto de ampliación deseñado durante a presidencia de Francisco Cacharro.